Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

35 familias participan no novo curso do programa Educando en Familia en Foz

Por 18 Outubro, 2020Sin comentarios

Comezou o novo curso do programa Educando en familia en Foz, que se desenvolve na antiga escola de Vilaronte, co apoio do Concello focense. Conta coa participación de 35 familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos.

A concelleira de Servizos Sociais en Foz, Ana Rojo, visitou as instalacións do centro e explicou que “o programa Educando en familia comezou, outro ano máis, no concello de Foz, nesta ocasión con 35 familias participantes e nenos de 0 a 6 anos. Este novo curso impártese na antiga escola de Vilaronte os mércores en horario de 10:30 a 12:30, de maneira presencial e telemática, dando facilidades ás familias para participar nos dous formatos”.

Ana Rojo engadiu que “o obxectivo deste programa é achegar estratexias, fortalecer, favorecer e asesorar ás familias participantes, dando respostas ás necesidades educativas dos país e nais e dos propios alumnos, compartindo ademais actividades, xogos e experiencias, e favorecendo así vínculos afectivos e de comunicación. As temáticas a tratar son moi diversas, cada mes proponse unha nova actividade para traballar sobre ela, dando resposta ás necesidades dos rapaces e das familias. Estas temáticas van dende o acoso escolar a educar en igualdade, redes sociais, normas e límites que se deben poñer no propio fogar, estilos educativos, etcétera, dando importancia á xestión emocional e afectiva, dentro e fora do núcleo familiar, incidindo e potenciando a creatividade na expresión plástica e a socialización entre os nenos, axudándolles así a poder compartir tamén actividades e xogos. Ademais apórtalles un plus de seguridade no desenrolo das súas vivencias, compartindo coñecementos e experiencias, tratando tamén de acomodarse a esta nova realidade que nos marca o Covid-19”.

A concelleira comentou tamén que “as clases son impartidas a persoas adultas, de maneira grupal, coas medidas e protocolos establecidos en prevención dos contaxios. Por todo isto, haberá máis contido on line no blogue da propia asociación, onde as familias ou coidadores poderán acceder a estes contidos para poder aplicalos despois cos rapaces no propio fogar, seguindo as pautas marcadas como sempre polos docentes e implementándose con outras actividades que se irán impartindo ao longo do curso”.

Ana Rojo destaca que “Educando en familia conta, como non podía ser doutra maneira, co apoio do Concello de Foz, mediante un convenio subvencionado e de total colaboración con esta asociación educativa, aportando os útiles necesarios en materia de prevención, limpeza e desinfección da aula para evitar na medida do posible os contaxios e poder dar certa seguridade ás familias e aos propios rapaces”.

“Dende o Concello de Foz desexámoslle á asociación Educando en familia moito ánimo e moita sorte, así como a todos os centros de ensino e garderías de Foz neste novo e peculiar curso que comezou. Somos conscientes do esforzo que supón tanto para os docentes, familias e rapaces adaptarse a esta nova e singular realidade”, rematou a edil.