Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Adxudicada a construción dunha rampla na residencia de maiores de Foz

Por 18 Outubro, 2020Sin comentarios

O Concello de Foz vén de adxudicar por 37.000 euros a construción dunha rampla para mellora a accesibilidade á Residencia de Maiores Foz e a esta zona de Marzán. A obra é financiada con cargo ao Plan Único 2020.

O alcalde, Fran Cajoto, visitou hoxe, sábado, o lugar onde se fará  a obra e explicou: “estamos moi satisfeitos de anunciar a adxudicación da rampla de acceso á residencia de Foz. Desde logo o itinerario de peóns á residencia é moi deficiente, por iso é tan importante un camiño seguro para que todos os anciáns poidan camiñar sen dificultade nas súas saídas ao pobo, aínda limitadas neste momento”.

O rexedor municipal recordou que “no plenario de febreiro de 2019 houbo un acordo unánime ante unha moción presentada por Foz Plataforma de Futuro para posibilitar esta mellora. Desde o Concello creemos que hai que ser moi serios co gasto público e facer investimentos en infraestruturas que procuren un bo servizo ás veciñas e veciños. Neste sentido a rampla de acceso dará servizo non só á residencia, senón tamén a todos os veciños de Marzán da zona, moi poboada nas edificacións da Costa do Castro”.

A rampla, de 33 metros de lonxitude e 1,6 metros de anchura, salvará un desnivel de algo máis de 2 metros, permitindo conectar a rúa do Asilo coa rúa Costa do Castro e mellorando deste xeito a accesibilidade. O prazo de execución será de tres meses. “O obxectivo deste goberno é a mobilidade sostible na liña da axenda 2030; neste senso en próximas datas procederase á contratación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible para ordenar e mellorar os desprazamentos en todo o casco urbano”, concluíu Fran Cajoto.