Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Foz mellora a sinalización turística do municipio

Por 21 Outubro, 2020Sin comentarios

O Concello de Foz acaba de adxudicar á empresa Setramur SL a mellora da sinalización turística do municipio por un importe de 22.506 euros.

O concelleiro de Turismo, Chema Linares, explica que “é froito dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia dentro do seu plan de acción anual de promoción turística. En concreto dito convenio ten por obxecto a realización, dentro das actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, da renovación de sinalización turística do concello de Foz. Trátase dunha serie de actuacións sobre o territorio que permitan poñer en valor e ofrecer un servizo ao visitante a través dunha

sinalización e posta en valor dos distintos recursos naturais e patrimoniais existentes no concello. E supón un esforzo económico importante porque a Axencia pon 14.707,55 euros e o Concello aporta 7.919,45 euros”.

Chema Linares especifica que se colocarán “máis de 30 sinais novas, farase a reposición de vellas e a substitución doutras, tipo AIMPE urbanas e direccionais, para recoller recursos tan importantes para o noso concello como a Basílica de San Martiño, o Castro de Fazouro e os distintos areais, dende A Rapadoira e Tupide ata Areoura pasando por Llas, Peizás, Pampillosa, Arealonga, Xuncos e Polas. Tamén se sinalizará adecuadamente a oficina de turismo e A Mariña Virtual, no Centro de Interpretación da Mariña Lucense, Cenima. Polo tanto As actuacións realizaranse en distintas zonas e rúas da nosa vila e nas distintas parroquias”.

O edil de Turismo considera que é “unha actuación moi necesaria dado o déficit neste tipo de infraestruturas no noso concello. Culmina así un arduo traballo de varios meses, no que estiveron implicadas varias administracións, como a Deputación de Lugo, Costas, Portos e Fomento, aos que tivemos que solicitar as debidas autorizacións sectoriais”.

“Temos a sorte de contar con numerosos recursos turísticos que é necesario sinalizar correctamente de cara o visitante”, remata Linares.