Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Foz restrinxe o uso das instalacións municipais

Por 23 Outubro, 2020Sin comentarios

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, publicou onte, xoves, un bando no que restrinxe o uso das instalacións municipais debido ás medidas da Xunta pola evolución da pandemia da covid-19 en Galicia.

O rexedor municipal explica que “despois da orde publicada no DOG na noite do mércores ao xoves no Concello de Foz estamos adaptándonos ás medidas que se impoñen desde a Xunta de Galicia e o que facemos é restrinxir o uso dos edificios públicos ás actividades que están contempladas. Nese sentido vai continuar a educación na Escola de Música; o deporte federado; o teatro que estamos facendo os venres, pero limitado a un máximo de 60 persoas, como marca a orde. Pero distintas actividades que programaban asociacións, que están facendo un labor exemplar porque sen o seu traballo non se podería promover a cultura galega; refírome a actividades como cursos de folclore galego, que non van pode realizarse porque con tanta limitación de número de persoas non é factible. Tamén permanecerán pechados os parques públicos entre as 12 da noite e as 6 da mañá, como recomenda a norma”.

Fran Cajoto engade: “esperamos cal é o seguinte paso da Xunta de Galicia porque esta orde ten unha duración de 14 días e veremos cal é a seguinte decisión que toman. Esperemos que despois se adapten ao grado de alerta de pandemia que teña cada zona e que se faga cun pouco máis de sentido común”.

O alcalde de Foz remata cun chamamento a toda a veciñanza: “grazas a vós, a que somos responsables, seguimos nese nivel verde de alarma, cun moi pouca incidencia de coronavirus ata o de agora en Foz, o que non exime de que o día de mañá poidamos ter novos casos. Reducir o risco na medida do posible é labor de todas e de todos, así que non podemos relaxarnos; debemos seguir usando a mascarilla e o distanciamento físico, que son as principais medidas”.