O SLG denuncia que as axudas pola covid-19 exclúen 10.000 granxas

O Sindicato Labrego Galego presentou unha batería de alegacións a unhas liñas de subvencións que deixan fóra sectores tamén moi damnificados como o vinícola, o ovino ou o caprino; e que quedan moi curtas para o vacún de carne.

Aseguran que a proposta de axudas de Medio Rural ao sector de vacún de carne ten “pequenas trampas destinadas a deixar fóra a unha gran parte das posibles beneficiarias”.

Explica que en primeiro lugar exclúe as granxas con menos de 10 vacas reprodutoras, “o que supón excluír 10.284 explotacións das 19.708 que hai en activo”. En segundo lugar, afirma que destina un orzamento manifestamente insuficiente de 12 millóns de euros para cubrir as axudas para vacún de carne e flor. “Se solicitan a axuda só as granxas de vacún de carne que cumpren os requisitos esixidos, terían dereito a ela 9.427 explotacións que deberían cobrar máis de 16 millóns de euros”. Pero, ademais, segundo unha estimación realizada polos servizos técnicos do SLG, sería necesario, como mínimo, un orzamento ao redor dos 25 millóns de euros só para poder cubrir unha axuda que chegase a todas as granxas do sector do vacún de carne.

De aí que, dende o Sindicato Labrego Galego, presentarán varias alegacións no Comité de Seguimento do PDR para que ningunha granxa fique excluída. Entre elas están:

  • Eliminar o requisito de ter 10 vacas reprodutoras como mínimo para acceder á axuda. Deben poder acceder todas as granxas que estean de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) con orientación para a produción de carne ou mixtas.
  • Incluír na axuda un pago directo para aquelas explotacións compostas por persoas agricultoras a título principal (ATP), e para as cales a gandería é o seu medio de vida fundamental. Este pago sería a maiores do que se está a propoñer no borrador por vaca nutriz e a súa contía non debe ser inferior en ningún caso os 3.000 € / ATP.
  • Ampliar a partida orzamentaria para financiar esta axuda de maneira que cubra todas as granxas do sector, reforzando os fondos europeos con fondos propios se fose necesario.

Outra das queixas presentadas no Comité de Seguimento do PDR polo Sindicato Labrego foi a exclusión das axudas de sectores que tamén están a encaixar o impacto negativo da pandemia, especialmente os sectores ovino, caprino e vitivinícola.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: