Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Deputación formará en igualdade e prevención da violencia á mocidade da provincia

Por 25 Outubro, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia Acadar, Mónica Álvarez San Primitivo, asinaron este venres no Pazo de San Marcos un convenio a través do cal a institución provincial achega 6.500 euros para realizar, nos centros educativos da provincia, un programa formativo transversal que fomentará a igualdade e sensibilizará na prevención das distintas formas de violencia machista e de situacións de desigualdade que afectan ás mulleres con discapacidade.

O presidente subliñou que con este proxecto “que impulsamos coa Asociación Acadar queremos fomentar valores sociais na mocidade para avanzar cara unha sociedade máis igualitaria e inclusiva que combata calquera discriminación social, en especial das mulleres con discapacidade”.

Acadar impartirá, a través do programa Vio 7: ver para erradicar, varias sesións formativas ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato da provincia de Lugo ao longo do curso académico. A iniciativa permitirá capacitalos na detección e erradicación das distintas formas de violencia, impulsar relacións igualitarias e, en especial, fomentar a igualdade de oportunidades das mulleres con discapacidade. Tamén afondará na defensa dos dereitos deste colectivo vulnerable co fin de que acade a súa plena integración e a participación en todos os eidos da sociedade.