Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O Pleno da Deputación solicita á Xunta máis transparencia nos datos de contaxio da covid-19

Por 27 Outubro, 2020Sin comentarios

O Pleno da Deputación aprobou hoxe, a proposta do Grupo Provincial Socialista, reclamar á Xunta de Galicia transparencia nos datos de contaxios e unha liña de diálogo e colaboración permanente cos alcaldes e alcaldesas e coa propia institución provincial para combater a Covid-19. O acordo saíu adiante co apoio dos grupos de Goberno e cos votos en contra do PP.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, salientou que dita interlocución ten que ter en conta á FEGAMP, xunto cos rexedores e rexedoras das 7 grandes cidades, os presidentes da Deputación e os rexedores dos municipios afectados para consensuar liñas de actuación efectivas. Así mesmo, acordouse pedir á Xunta que informe diariamente, de forma telemática, aos concellos que teñan positivos por Covid-19 dos datos que lles afectan de xeito claro e transparente.

García Porto denunciou que desde setembro “os alcaldes e alcaldesas galegos veñen reclamando á Xunta información real sobre a evolución da pandemia, isto é, datos numéricos por municipio. A FEMP rexeitou publicamente o mapa de cores -verde, amarelo, laranxa e vermello– ofrecido pola Xunta, porque non permite ós responsables públicos contar coa información que precisan para deseñar as súas medidas. Porque ante a pandemia non valen colorines, fan falta números concretos”.

“Ante a chegada dunha nova ola de contaxios, a Xunta volve de novo á actitude da primavera, de non escoitar ós concellos. Xa o fixo cando o inicio de curso, negándose a asumir o custe das tarefas de desinfección dos colexios e institutos co argumento, xa desmontado polos xuristas, de que eso era parte das tarefas de limpeza. Os concellos galegos están gastando millóns en desinfección, mentres a Xunta segue sen achegar ós concellos parte deses 100 millóns de euros xa recibidos como parte dos fondos de loita contra a Covid”, censurou a Deputada provincial.

Neste eido, García Porto asegurou que “a Xunta non pode ignorar de novo á administración local, a que de verdade está a pé de rúa, á que os veciños e veciñas reclaman información, e á que a propia Xunta reclama colaboración no cumprimento das medidas. A mellor colaboración pasa por escoitar ós alcaldes galegos antes de deseñar as medidas, comunicarllas a eles antes de aprobalas. Porque a Xunta segue a actuar sen ter en conta cousas que xa aprendemos: que as residencias requiren atención específica; que moitos centros de saúde quedan sen médicos se estes teñen que ir visitar ós pacientes ás casas; e que as tarefas de desinfección de colexios e outros edificios públicos acadan cifras millonarias que cumpre contemplar”.

Sanidade pública no rural
O Pleno provincial tamén lle deu o visto bo, coa abstención do PP, a unha proposta do Grupo Provincial Socialista para reclamar á Xunta de Galicia que cubra a praza de médico que vai quedar vacante por xubilación en Escairón, no concello do Saviñao.

A voceira socialista do Goberno explicou que o concello do Saviñao é un bo exemplo da realidade do rural lucense e da Galicia interior ao contar cunha poboación de aproximadamente 3.750 veciños e veciñas, espallados nunha extensión de 197 km2. “Cunha dispersión e envellecemento da poboación tan grande esíxese un esforzo á hora de deseñar o mapa dos servizos públicos e garantir a calidade dos mesmos, especialmente no que respecta á sanidade pública”, asegurou García Porto.

A Deputada aclarou que O Saviñao conta cun ambulatorio en Escairón, a súa capital, no que veñen prestando servizo 3 médicos de atención primaria e un pediatra. A estes súmase o médico que atende o consultorio de Currelos. “Pero os veciños e veciñas están preocupados ante a xubilación dun dos doutores que pasa consulta no centro de Escairón, pola actual política do Sergas de aproveitar as xubilación para facer recortes de persoal”.

A voceira socialista do Goberno explicou que é necesario que a Xunta de Galicia “poña fin á política de recortes na sanidade pública galega, especialmente no rural. Entendemos que a práctica de converter as xubilacións en recortes supón non só unha merma nos servizos que reciben os veciños e veciñas do rural, senón un desprezo ós propios médicos, que ven como o remate da súa carreira profesional se pecha cun deterioro da atención sanitaria que recibirán no futuro os seus pacientes”.

Así mesmo, García Porto puxo varios exemplos destes recortes por parte do Goberno de Feijóo na provincia, como en Guitiriz, Taboada, Monforte, A Pontenova, Xermade, Meira ou Folgoso do Courel, “evidenciando a precariedade dos servizos públicos de Sanidade”.
Neste senso, García Porto reclamou ao Goberno autonómico a elaboración dun plan de avaliación real das necesidades da sanidade rural galega, tendo en conta ratios como poboación, dispersión, envellecemento ou a pegada do coronavirus, “contemplando, como horizonte de mínimos, a recuperación do persoal tal e como se atopaba no 2009, pois nesta década de Goberno de Feijóo perdéronse máis de 900 camas de hospital e 1.100 profesionais de Atención Primaria na nosa comunidade”.

Impulso á Autovía Lugo-Ourense
A Corporación provincial aprobou por unanimidade unha moción do Goberno para demandar ao Executivo do Estado un impulso significativo a Autovía A-56, de Lugo a Ourense, nos vindeiros Orzamentos do Estado.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, subliñou que “defendemos a proposta como sempre facemos os socialistas de Lugo á hora de reclamar infraestruturas para a nosa provincia, non só no que respecta á comunicación coa Meseta, senón tamén coas comunicacións interiores, para fomentar a mobilidade das persoas e a competitividade do sector produtivo”.

Rivera Capón salientou que esta proposta “ten un dobre sentido reivindicativo. Dunha parte, reclamar que se lle dea un pulo a estas obras. E facelo porque esta autoestrada estivo parada case unha década, ou sexa, durante o mandato do señor Rajoy e a ministra Ana Pastor. Tivo que chegar un Goberno progresista de novo para reactivar unha obra que beneficia ás dúas provincias galegas do interior, dúas provincias que pola súa orografía precisan mellorar o trazado das vías que as comunican, para non estar afastadas entre si”.

O voceiro do Grupo Provincial do PP, Javier Castiñeira, lamenta que “mentres o PP defende que o Goberno axilice as autovías proxectadas na provincia, o goberno provincial mire para outro lado”. Así o manifestou o popular amosando a súa sorpresa e preocupación ante a actitude do PSOE nun dos puntos que consideran máis importantes do pleno provincial deste martes porque “o PSOE rexeitou incluír a emenda do Grupo Popular coa que melloraba a proposta do Goberno para dar un pulo á A-56 Lugo-Ourense; xa que propoñiamos avanzar tamén nas outras dúas autovías proxectadas na provincia, a A-74 (Barreiros-San Cibrao) e a A-54 Lugo-Santiago) para “dar seguridade a toda a provincia”.

Os populares lamentan que “a voceira socialista convencese ao BNG durante un receso de 2 minutos para abordar entre tódolos grupos a forma da proposta de que non aceptase a proposta do Grupo Popular. Isto preocúpanos en gran medida pola falta de personalidade do BNG neste Goberno provincial e pola falta de compromiso da Deputación de Lugo que deixan fóra da proposición á autovía A-54 e A-74”. Con todo, o PP votou a favor da proposta ao estar de acordo coa avance da autovía entre Lugo e Ourense.

Aprobada a Conta Xeral do 2019
O Pleno tamén aprobou, coa abstención do PP, a Conta Xeral do ano 2019 da Deputación e de Suplusa. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, explicou que este é un trámite administrativo que “fai unha foto fixa da situación contable da institución a 31 de decembro de 2019, ao que non se presentou ningún tipo de reclamación e que aprobamos amplamente dentro dos prazos establecidos”.