Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXALourenzáMondoñedo

Asinados varios convenios para dotar as ARI de Mondoñedo e Lourenzá

Por 4 Novembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de asinar novos convenios para dotar de fondos ás áreas de rehabilitación integral de Lourenzá e Mondoñedo, que acumulan unha dotación de máis de 1 millón de euros para o desenvolvemento de actuacións de rexeneración urbana.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a distribución de orzamentos realizouse en función das solicitudes presentadas polas administracións locais que contan con áreas declaradas e tendo en conta o grado de cumprimento en cada concello dos obxectivos asignados en anteriores repartos. Neste caso, ambos municipios teñen actualmente en execución convenios asinados en anos anteriores.

Así, Mondoñedo asina un novo convenio por 190.500 euros e ten en marcha outros por importe de 674.000 euros. Pola súa banda, Lourenzá recibe este ano 48.400 euros que suma aos 205.100 euros que está executando de exercicios anteriores.

Os beneficiarios finais dos fondos repartidos son os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazados no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral, que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Tamén se poderán beneficiar das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI. Ademais, a Xunta, con fondos propios, financia as oficinas de rehabilitación municipais.

Son os propios concellos os encargados de realizar as convocatorias públicas para que os propietarios de vivendas emprazadas no ámbito das áreas de rehabilitación poidan presentar as súas solicitudes.