Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Concello quere construir un pavillón no Ceip de Covas

Por 5 Novembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa de que, no pleno desta semana, se aprobaron por unanimidade as dúas mocións presentadas polo equipo de Goberno. As propostas incluían a construción dun pavillón polideportivo ou pista cuberta nas instalacións do Ceip Plurilingüe de Covas e a creación dun 3º Xulgado en Viveiro.

O Ceip de Covas é o único centro de Primaria do concello que non dispón dunha pista cuberta. Esta carencia supón un grave prexuízo para o alumnado, xa que cando chove ou fai mal tempo os nenos e nenas non poden saír ao patio. Esta situación agrávase aínda máis neste curso por mor da pandemia e a necesidade de manter as distancias de seguridade. 

Doutra banda, a creación dun terceiro xulgado en Viveiro é unha necesidade urxente, atendendo ao exceso de traballo actual acreditado polo Consello Xeral do Poder Xudicial. A situación do xulgado vénse prolongando no tempo e está a traer graves consecuencias para a veciñanza, quen sofre a demora na tramitación dos distintos expedientes xudiciais.  

En ambos casos, con estas dúas mocións presentadas, o goberno local quería lograr un acordo unánime de todos os grupos políticos para instar á Xunta de Galicia a construir un pavillón ou pista cuberta no Ceip de Covas e conseguir tamén que o novo xulgado de Viveiro sexa unha realidade. 

O Concello de Viveiro celebra o apoio unánime ás mocións presentadas polo equipo de goberno, que dan resposta ás demandas do centro educativo e da asociación de pais e nais do Ceip de Covas, así como dos usuarios dos xulgados, para mellorar o funcionamento de ambas instalacións.