Skip to main content
ActualidadeViveiro

Viveiro Asesores: “O noso aspecto diferenciador é a profesionalidade e o trato exclusivo”

Por 10 Novembro, 2020Sin comentarios

O noso aspecto diferenciador é a profesionalidade e o trato exclusivoHai xa quince anos que abriu na cidade do Landro Viveiro Asesores, ao fronte do que se atopa David Gómez Rosa.

Como xurdiu a idea?

Dunha maneira moi natural. En primeiro lugar, porque estudei Administración e Dirección de Empresas (sempre me tirou a rama empresarial). E en segundo lugar, porque teño vocación de axudar aos demais. Isto orientoume rapidamente cara ao asesoramento. Xa cando estaba no instituto e na universidade encargábame de presentar as miñas propias bolsas e, ademais, de axudar aos meus compañeiros para presentar as súas. Sempre me gustou poñerme na pel dos demais e ofrecer esa axuda que necesitan para orientarlles a conseguir as súas metas: laborais, empresariais e persoais. Encontro moi satisfactorio ter un despacho desde o que podamos axudar a outras empresas e particulares a conseguir os seus obxectivos, guiarlles no camiño, tratar de evitarlles o maior número de problemas e ofrecerlles toda a axuda posible.

Que tipo de servizos prestan en Viveiro Asesores?

Realmente prestamos unha gran variedade de servizos. Unha relación resumida dos mesmos abarcaria a contabilidade e confección de impostos, contratos e nóminas, administración de comunidades, contratación de seguros e solicitude de subvencións, entre outros.

Cales son os servizos máis demandados?

As empresas demandan todos os servizos relativos ás súas obrigacións fiscais e laborais. En xeral, todos os trámites a realizar coas distintas administracións. E os particulares, confección de declaracións de renda, impostos de sucesións e doazóns, así como contratación de seguros de todo tipo. A administración de comunidades de propietarios tamén é un servizo moi demandado.

Cantas persoas son?

Actualmente, somos cinco que levamos as distintas áreas de Contabilidade, Laboral, Seguros, Comunidades e Outras xestións, compartindo a mesma filosofía de profesionalidade e vocación de servizo.

Cal diría que é o aspecto diferenciador da súa empresa?

Creo que a profesionalidade unida ao trato exclusivo ao cliente. Somos Xestoría Administrativa Colexiada así como Administración de Leiras Colexiada, buscamos a profesionalización dos nosos servizos e a formación continua dos nosos asesores, todo, para poder ofrecer a cada cliente a mellor solución á súa situación concreta. Hai que valorar cada caso de forma individual e atender a unha visión de 360 graos, xa a que hai que ter en conta múltiples aspectos, de diferentes áreas, que poden afectar, entre si, e no resultado final de calquera actuación. En definitiva, a tranquilidade dos nosos clientes e a optimización de recursos para que consigan a mellor situación económica posible, é o que nos guía.

Cambiou o seu traballo nestes últimos tempos debido á pandemia?

En esencia non, segue sendo coñecer a legalidade vixente para aplicala a cada cliente de forma particular e que cada un poida cumprir cos requisitos impostos tratando de optimizar a súa situación económica. O que si que variou foi o volume de traballo asumido debido á cantidade inxente de normativa que saíu publicada desde marzo, a velocidade dos cambios de criterio e incerteza xerada coas distintas interpretacións das normas e a dificultade de poñer en marcha as medidas por parte da Administración. Neste sentido, os xestores temos asumido unha parte importante do peso das xestións de empresas e traballadores durante a actual situación de pandemia.

Cal é o seu radio de actuación?

Temos clientes de toda Galicia, aínda que a maior porcentaxe é de empresas e particulares da Mariña.

Que proxectos teñen para futuro?

Estamos a explorar a ampliación dos nosos servizos cara o márketing dixital. A idea é que, non só ofrezamos aos nosos clientes o asesoramento desde o punto de vista de obrigacións formais, senón ir un paso máis aló e poder ofrecerlles, dentro do servizo de administración e dirección de empresas, asesoramento sobre accións que lles leven a incrementar a súa cifra de facturación a través do márketing dixital, que xa non é o futuro, senón o presente. Ademais, coa contracción da demanda debido á pandemia, faise case imprescindible acometer este tipo de actuacións para poder manter e mellorar as vendas das empresas. É algo que estamos a probar, con éxito, para varios dos nosos clientes.