Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

Levantan a prohibición de plantar pataca en cinco concellos da Mariña

Por 20 Novembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Xunta levantará a prohibición de plantar pataca en nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca. A medida vén de acordarse na comisión de seguimento desta doenza e farase efectiva unha vez saia publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O levantamento da prohibición de plantar pataca beneficiará os agricultores dos concellos coruñeses de Cariño, Ortigueira e Neda, así como os dos municipios lucenses de Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro. Ao non teren rexistrado ningunha captura nos dous últimos anos, estas localidades deixarán de ser consideradas zonas infestadas pola couza e pasarán a englobarse na demarcada como zona tampón.

Deste xeito, nestes municipios permitirase plantar pataca pero farase un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural, que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación co obxectivo último de controlar a expansión da couza. Nese senso, tras a comisión de hoxe, estableceuse a data do 1 de abril como o prazo máximo para presentar as declaracións de cultivo nas zonas tampón.

Cómpre lembrar que, a comezos de ano, xa se levantara a prohibición de plantar pataca nos concellos coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, así como nos lucenses de Ourol e Abadín, ao pasar de seren concellos infestados a zona declarada como tampón. En todos eles, confirmouse a ausencia de capturas de couza guatemalteca no que vai de 2020, pero mantívose igualmente o control das plantacións.