Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Ribadeo conmemora o Día Internacional Contra a Violencia Cara ás Mulleres

Por 20 Novembro, 2020Sin comentarios

Ribadeo conmemora o Día Internacional Contra a Violencia Cara ás MulleresO Concello de Ribadeo conmemora o día internacional contra a violencia cara ás mulleres con folletos, pancartas, máscaras e cuñas de radio. 

“Este 25 de novembro, día internacional contra a violencia cara ás mulleres, aparece solapado polos problemas acuciantes que desde principios de ano padecemos. A pandemia da covid-19 non debe levarnos a esquecer ou a abandonar o resto das problemáticas sociais que existían e seguen pervivindo na actualidade. No sector da saúde a prioridade está a ser a covid. O sistema está colapsado, non sendo capaz de absorber máis cousas e as mulleres que viñan a contarlle á médica de cabeceira a súa problemática non o están a facer.  Por teléfono é diferente e pode coartar a que se sinceren. Estamos ante un momento no que hai unha parálise na captación das mulleres que padecen algún tipo de violencia machista. Só se está atendendo o máis visible e vixente do visible”, explicou a edil de Igualdade.

Ademais lembrou que “o ano pasado por estas fechas demandábamos que a violencia machista fose considerada como cuestión de primeira orde na axenda política. Este 25 de novembro queremos visibilizar a todas as violencias machistas e a todas as vítimas. Temos que manter a loita pola igualdade e contra a violencia ás mulleres polo feito de ser mulleres. Hai que espertar as conciencias da cidadanía. Por outra parte, a covid-19, como están a reflectir numerosos estudos, está a provocar  un maior impacto nas mulleres: 

A carga dos coidados recaeu a maioría sobre elas, non artellándose ningunha política ou medidas de cara a facilitar a conciliación da vida persoal e laboral en tempos de COVID, o aumento da  vulnerabilidade social e a precariedade económica: a crise económica cebouse nos sectores que empregan a máis mulleres, polo que a porcentaxe delas que perderá  o seu emprego será moito maior que a dos homes; ademais de producirse un aumento da tensión e o  risco de violencia de xénero debido ao confinamento”.

Ademais Mari Luz Álvarez anunciou que “este ano non sairemos a rúa pero queremos que aproveitar o día para amosar que a violencia contra as mulleres segue a existir e que está presente  todos os días nas nosas vidas; e as mulleres que están a padecer calquera tipo de violencia poden pedir axuda para rematar coa mesma. Este ano decidimos elaborar un folleto, que se enviará a todos os fogares do concello de Ribadeo, onde se contemplan os recursos existentes aos cales dirixirse e aproveitase para lembrar e facer un repaso polos diferentes tipos de violencia. O folleto reproducirase en tamaño lona que se colgará no Teatro. Tamén houbo un concurso de deseño de máscaras nos centros de secundaria e no CIFP Porta da Auga. Así os deseños que foron considerados mellores poderán visualizarse no MUPI do Concello e nas redes sociais. E desde este venres até o 25 de novembro emitiranse na radio unhas cuñas elaboradas en colaboración co alumnado da asignatura de  coeducación de 1º de bacharelato do IES de Ribadeo. E penduraremos no balcón da casa consistorial a pancarta da campaña Ribadeo en negro, da que seguimos a participar este ano mediante a campaña virtual”. 

O lema da campaña deste 25N é Que a violencia machista non che tape a boca. Alza a túa voz. 

No acto interviñeron tamén Dolores García e Teresa González, que falaron do traballo que desenvolven as/os profesionais dos centros de saúde e de ensino para loitar contra a violencia machista.