Gandeiros piden unha normativa sobre a xestión do purín

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla esixe tanto ao Ministerio de Agricultura como á Consellería do Medio Rural unha “clarificación urxente” da normativa que regulará a aplicación do purín e o esterco nos vindeiros anos e “axudas específicas directas” que permitan ao sector adaptarse á nova regulación sen que os custos aparellados que conleva o seu cumprimento supoñan “unha perda de rendabilidade inasumible para a maioría das explotacións”.

“Anunciouse por parte da Administración que tanto o Real Decreto estatal que prohibe a aplicación do xurro tal como o viñamos facendo até agora as ganderías así como a Lei galega de xestión integral de puríns entrarían en vigor en 2021. Atopámonos a poucas semanas desa data sen que a día de hoxe existan certezas de ningún tipo ao respecto, un feito que preocupa ao sector polos elevados custos que orixinaría o cumprimento da nova normativa nas explotacións”, denuncia o presidente de Agromuralla, Roberto López.

Custos de entre 9.000 e 120.000 euros por explotación

Desde Agromuralla explican que a entrada en vigor da nova normativa estatal que prohibe botar o purín cos actuais sistemas de prato ou abanico obrigaría a adaptar ou susbtituír as máis de 20.000 cisternas que hai neste momento en Galicia, unha obriga que afectaría tanto ao sector de vacún de carne como de leite pero que “castigaría especialmente ás 7.000 explotacións que hai producindo leite neste momento en Galicia”.

O custo de adaptación das cisternas actuais aos novos sistemas de aplicación permitidos, mediante tubos colgantes ou inxección na terra, oscilaría entre os 9.000 e os 18.000 euros, en función da marca e a capacidade da cisterna, pero, no caso de que a súa adaptación non fose viable tecnicamente, obrigaría á adquisición dunha nova cun custo que está entre os 30.000 e os 120.000 euros, dependendo do modelo, uns equipos ademais que se están a encarecer por mor do aumento da demanda no mercado e a limitada oferta que hai a día de hoxe.

A maiores, as novas esixencias en canto a que as explotacións deben levar a partir de agora un caderno de explotación con plans específicos de abonado e realizar continuas analíticas do chan para estimar a cantidade de nutrintes a aplicar engade “burocracia e novos gastos” ás granxas, denuncia Agromuralla, que demanda “un plan de axudas específico para a adaptación á nova normativa”.

Unha norma que non se adapta á realidade galega

Agromuralla reclama unha “flexibilización” do proxecto de Real Decreto de Nutrición Sostible en Solos Agrarios presentado polo Ministerio de Agricultura a finais do pasado mes de setembro e que se atopa en fase de resolución de alegacións presentadas por “non ter en conta a realidade e o modelo de produción que se dá en Galicia”. “É un Decreto que non se adapta á realidade da principal comunidade produtora de leite de España”, asegura Roberto López, presidente da asociación, nin polas características das explotacións e da superficie agraria que manexan nin polos condicionantes climatolóxicos e de orografía.

“O minifundio e a orografía de moitas zonas produtoras de leite condiciona de maneira significativa en Galicia as posibilidades de aplicar o xurro mediante sistemas de tubos colgantes ou inxectores, un método inviable por exemplo en terreos de moita pendente ou en solos pedregosos”, argumenta Agromuralla, que lembra que Galicia concentra o 40% da produción leiteira española, polo que a entrada en vigor da nova normativa podería “poñer en risco” un sector estratéxico na nosa comunidade.

Exemplo de economía circular a ter en conta na PAC

“A perda de axudas da PAC que podería levar aparellado o incumprimento da norma de cara ao novo periodo 2023-2027 sería un factor determinante na merma de ingresos das explotacións e na súa falta de viabilidade”, alerta Roberto López, que fai fincapé en que “as explotacións galegas somos un exemplo de economía circular e de valorización de residuos mediante a utilización do xurro e o esterco como abono orgánico no chan”, un factor que pide que se teña en conta nos novos criterios de reparto das axudas europeas.

“A utilización de abonos orgánicos evita o uso de fertilizantes de síntese química, moito menos sustentables desde o punto de vista medioambiental”, defende Agromuralla, que teme que “as trabas á aplicación do xurro fagan ás explotacións máis dependentes de abonos químicos, máis caros tamén desde o punto de vista económico”.

Indefinición e incertidume

A mesma indefinición e incertidume que se produce neste momento coa entrada en vigor do Real Decreto estatal tamén se dá doa normativa de aplicación galega. “A futura Lei Galega para a Xestión Integral das Dexeccións Gandeiras atópase parada desde antes das eleccións do pasado mes de xullo e non sabemos nada máis tampouco das catro plantas de tratamento de xurros que a Xunta anunciou que instalaría nas principais comarcas gandeiras de Galicia (A Pastoriza-Terra Chá, O Deza, A Limia e Xallas-Mazaricos) para tratar nestas instalacións os posibles excedentes de purín das explotacións”, denuncia Agromuralla.

A obriga de que as explotacións conten a partir de agora con plans de abonado e realicen análises periódicas sobre o estado dos chans implicará novos custos técnicos e de xestión para as granxas, que se engaden “á excesiva carga burocrática que xa soportan as ganderías a día de hoxe”, opina Agromuralla, novos requerimentos dunha xestión máis profesionalizada desde o punto de vista agronómico que non está ao alcance das pequenas explotacións de orixe familiar galegas, denuncia Roberto López, máis tendo en conta que “o elevado número de parcelas nos que se divide a superficie agraria da maioría de ganderías obrigará a facer centos de analíticas a cada explotación todos os anos”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: