Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Goberno de Viveiro levará a Pleno prorrogar a suspensión das taxas que pagan as terrazas

Por 23 Novembro, 2020Sin comentarios

O goberno municipal levará ao pleno de decembro a proposta para suspender durante o ano 2021 a aplicación das ordenanzas fiscais número 13, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras e otros elementos análogos con finalidade lucrativa, e número 6, reguladora da taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas, declaracións responsables e no outorgamento de licenzas de actividade, apertura ou funcionamento.

O Concello de Viveiro, segundo o Plan de Reactivación Económica acordado con Por Viveiro, xa acordara suspender a aplicación destas ordenanzas para o exercicio 2020, sendo esta unha medida que se quere aplicar tamén para o vindeiro ano.

Coa suspensión desta taxas o Concello de Viveiro, como administración máis próxima ao cidadán e dentro das súas posibilidades, quere contribuír á recuperación económica do municipio.

Cómpre lembrar, finalmente, que a suspensión destas taxas para o 2020 formaba parte do acordo adoptado entre o goberno municipal e o grupo municipal Por Viveiro en maio deste ano; un acordo no que xa se contemplaba a posibilidade dunha segunda fase. Agora, tras os rebrotes sufridos e as novas medidas e peches impostos, lévase ao pleno municipal este proposta que suporá unha nova axuda para o vindeiro 2021.