Mondoñedo amplía o Servizo de Atención Temperá aos concellos de Pol e Meira

Mondoñedo amplía o Servizo de Atención Temperá aos Concellos de Pol  e Meira O Servizo de Atención Temperá que presta o Concello de Mondoñedo para unha agrupación integrada por outros sete concellos (Abadín, A Pastoriza, A Pontenova, Barreiros, Lourenzá, Riotorto e Trabada) amplíase para atender tamén aos nenos e nenas de 0 a 6 anos dos concellos de Pol e Meira que precisen algún tipo de tratamento terapéutico para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a súa inclusión social.

Ata o de agora, o Servizo de Atención Temperá que pertence á Rede galega de atención temperá da Xunta de Galicia está a prestar atención a 41 nenos e nenas con trastornos do desenvolvemento ou con risco de padecelos; así coma as súas familias.

Dende o goberno local  explican que “o Concello de Mondoñedo lidera este proxecto aproveitando a súa ubicación como epicentro do territorio dos concellos que integran a agrupación para a que se presta o servizo de atención temperá”.

Así mesmo, destacan “a importancia do consenso e o traballo conxunto entre concellos pequenos” porque “facilita a implantación de servizos para mellorar a calidade de vida nosos veciños e veciñas”. Neste caso, poñen tamén en valor o traballo dos profesionais que, deste xeito, “ofrecen os seus servizos nun entorno próximo para as familias”.

Atención Postemperá para nenos e nenas de máis de 6 anos

Co obxectivo de complementar este servizo “e atendendo a unha necesidade real”, o Concello de Mondoñedo impulsou tamén a creación da prestación de atención postemperá para nenos e nenas de máis de 6 anos e dar continuidade á atención que estaban a recibir”. 

Deste xeito, o Servizo de Atención Postemperá prevé continuar a desenvolver os procedementos terapéuticos con 10 nenos e nenas que cumpriron a idade máxima dos 6 anos para seren atendidos na unidade temperá. Dende o goberno local sinalan que “desta forma favorécese a integración plena dos menores”.

Por outro lado, este mesmo servizo de atención postemperá pode cubrir outras necesidades; xa que os algúns usuarios da minirresidencia de menores que abriu o pasado verán xestionada pola Fundación Educativa e Social Dignidade, poderían necesitar atención e sesión terapéuticas que esta unidade podería resolver de xeito satisfactorio para os residentes. 

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: