Skip to main content
ActualidadeXove

Rematadas as obras de rehabilitación enerxética do Ceip Pedro Caselles Rollán de Xove

Por 25 Novembro, 2020Sin comentarios

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o Ceip Pedro Caselles Rollán de Xove para comprobar o resultado das obras de rehabilitación enerxética do centro, nas que a Administración galega investiu 670.150 euros.

Arias destacou que o colexio “foi obxecto dunha importante modernización, coa que se logra mellorar a eficiencia e rendemento do edificio e ao mesmo tempo acádanse unhas instalacións máis funcionais e cómodas para acoller a actividade educativa”.

Os traballos de mellora da eficiencia enerxética do recinto escolar centráronse na substitución das ventás por outras con carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre; o illamento da fachada con sistema térmico polo exterior (SATE) e o illamento  cuberta. Tamén foron substituídas as luminarias por equipos LED, con regulación da iluminación e detectores de presenza en zonas comúns.

Segundo destacou Arias, estas medidas suporán un aforro enerxético anual do 35,2% en consumo de enerxía primaria e do 38 % en emisións de CO2.

A actuación completouse con outras melloras acometidas no interior do edificio, como a substitución do solo da biblioteca, a reparación e pintado de paramentos interiores e a colocación de faltos teitos en varias zonas.

“En definitiva”, dixo o delegado territorial, “trátase de aumentar a calidade deste espazo educativo en beneficio de todas as persoas que forman parte da comunidade escolar”, concluíu.