Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O PP de Ribadeo critica que o Concello segue sen aplicar medidas para paliar os efectos da covid-19

Por 26 Novembro, 2020Sin comentarios

O voceiro popular de Ribadeo, Daniel Vega, lamenta que “o goberno local continúa a cobrar os impostos aos veciños negándose a aplicar medidas para paliar os efectos da covid-19 en Ribadeo e incluso sube a taxa pola recollida do lixo nun 2,13%; pero que se nega a renunciar ás cantidades que percibe do Concello”.

Vega explica que o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo presentou emendas á proposta de renuncia á asignación dos grupos políticos da corporación para estender esta renuncia tamén ao ano 2021. E, así mesmo, defendeu “renunciar ao cobro de dietas, ao cobro pola asistencia ás comisións e aos plenos e conxelar as dedicacións exclusivas para o vindeiro ano”.

O popular asegura que se trata “dunha proposta con moito sentido común que responde á necesidade de actuar ante a actual crise económica derivada da covid-19”. De feito, sinala que “estas cantidades poderían ir destinadas a prestar servizos sociais e ofrecer axudas ás familias”.

O popular critica que “o BNG votase que non a esta iniciativa e que o fixese tan rapidamente sen practicamente agardar a rematar de ler a proposta do Grupo Popular”.

A emenda do Grupo Municipal Popular á proposta da alcaldía do expediente 4287/2020 consistiría na ampliación da renuncia á asignación dos grupos ao exercicio 2021; na renuncia das asignacións que se perciben por asistencia a comisións e plenos nos exercicios 2020 e 2021; na renuncia ao cobro de dietas por parte dos concelleiros da corporación nos exercicios 2020 e 2021. Estas contías incrementarán a dotación orzamentaria na aplicación 231.22105 do vixente orzamento; e na conxelación das dedicacións exclusivas para o exercicio 2021.