Skip to main content
ActualidadeBurela

A vindeira edición de Feira Náutico Pesqueira Expomar será do 19 ao 22 de maio en Burela

Por 28 Novembro, 2020Sin comentarios

A vindeira edición de Feira Náutico Pesqueira Expomar será do 19 ao 22 de maio en BurelaO alcalde, Alfredo Llano, mantivo onte un encontro coa conselleira de Sanidade, Rosa Quintana, para planificar a vindeira edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará do 19 ao 22 de maio de 2021. Comezan agora os preparativos do evento. Burela podería acoller unha vez máis a xuntanza do Consello Galego de Pesca, coincidindo coa feira. Na reunión analizouse a necesidade de ampliar o recinto feiral para cumprir cos protocolos covid e poder acoller a máis empresas.

O rexedor burelés contou que “o xerente da Fundación Expomar e mais eu estivemos reunidos coa conselleira Rosa Quintana, máis coa directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez. Tivemos unha conversa para planificar Expomar 2021, cando corresponde facer a feira exposición. Temos a clara intención de intentar facer a feira, polo tanto imos darlle a todo para adiante, con todos os requisitos, planificando e ir contactando con diferentes expositores e diferentes empresas, porque consideramos as dúas partes que debemos darlle protagonismo ao sector náutico pesqueiro, e a nosa intención é favorecer este interese que ten a Consellería, máis Expomar, en facer esta feira, que sería os días 19, 20, 21 e 22 de maio de 2021”.

Llano subliñou que “hai moito interese por parte da Consellería tamén de que se efectúe esta nova edición de Expomar e tamén pedimos hoxe a ver si se pode contar como o ano pasado co Consello Galego de Pesca. Comentamos a necesidade de facer unha ampliación do recinto feiral para cumprir cos protocolos do coronavirus, e ademais para ampliar o espazo para que poidan acudir máis empresas e darlle máis importancia á feira”.

O alcalde engadiu que “foi unha conversa na que manifestamos, as dúas partes, a clara intención de beneficiar o máximo posible ao sector náutico pesqueiro e unha das fórmulas coa que contamos é facendo esta nova edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar o ano que ven”.