Skip to main content
ActualidadeFoz

O PP de Foz pide ao alcalde que baixe o IBI

Por 1 Decembro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, que lidera Javier Castiñeira, vén de pedir en Pleno ao alcalde que cumpra o seu compromiso de baixar o tipo impositivo do Imposto de Bens Inmobles (IBI), co fin de axudar ao tecido socioeconómico do municipio, que tanto se está a ver afectado pola crise da covid-19. 

O popular fixo esta petición, xa que “o 2021 vai a ser un ano complexo e non houbo ningún tipo de rebaixa dos impostos municipais”. “Cobráronse as taxas de ocupación das vías públicas aos hostaleiros como se fose un período normal, cobrouse a contribución aos autónomos nun momento no que precisaban un guiño deste goberno…..” E todo iso, indica Castiñeira, a pesares de que o executivo socialista prometeu neste mandato rebaixar a taxa impositiva da contribución; un aspecto, subraia, que chama a atención se se ten en conta que, “cando estaban na oposición, foi empregado para facer política. Agora, chegaron ao goberno e fan coma sempre, nada do que din”.

Os populares interesáronse por este asunto na sesión plenaria, xa que de aplicarse esta redución debería de modificarse antes de que remate o ano a ordenanza fiscal que regula este imposto. “Vanse cumprir case dous anos e non se rebaixa ni un só imposto. Dedícanse a recadar e as alternativas que ofrecen pola contra son moi poucas”. Queda claro, por tanto, apunta, que “non pensan nos veciños e nas persoas que o están pasando mal”.

Dende este Grupo Municipal consideran que o Concello debe ser sensible á situación actual e realizar unha política fiscal adecuada aos tempos que corren, sendo “o contrapeso ás políticas do Goberno de Pedro Sánchez, consistentes na suba de impostos e na aplicación dun sablazo fiscal ás empresas e aos veciños de Foz”.

Ademais, sosteñen que, a actual crise económica que vive o país pola pandemia, fai máis necesario ca nunca que as corporacións locais asuman o protagonismo na realización de políticas fiscais orientadas a favorecer o mantemento e a creación de emprego.

Castiñeira sinala así que “a política fiscal deber ser unha ferramenta máis da política económica que permita, en momentos de dificultade, que os cidadáns teñan a maior renda dispoñible, fomentando con elo o consumo das familias e o investimento empresarial, que derivará, di, nun incremento da actividade económica”.