Skip to main content
ActualidadeRiotorto

A contratación da muller do alcalde de Riotorto, hoxe a debate no Parlamento

Por 2 Decembro, 2020Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero presenta na Comisión Institucional do Parlamento, que se celebra hoxe, unha pregunta para que a Xunta dea conta do procedemento de contratación da muller do alcalde de Riotorto para cubrir unha praza de administrativo no mesmo Concello, que non foi publicada no BOP nin nas redes sociais do Concello.

A dirixente socialista pregúntalle á comisión “si era coñecedora desta situación e si ampara este tipo de procedementos selectivos do alcalde de Riotorto”. E puntualiza “parécenos moi sorprendente que só se presentaran dúas persoas a esta convocatoria, cando os únicos requisitos que se requirían neste proceso era estar en posesión do titulo de EXB”, entre outros. Ademais sinala que “nunha situación excepcional como a que estamos a vivir, non é comprensible que para unha praza destas características non se publicitara nin no BOP, nin nas redes sociais do propio Concello”, replica.

“Tal e como aparece nas bases da convocatoria que rexen este proceso selectivo é o propio Alcalde quen asina estas bases, na que saíu seleccionada á súa propia muller”, advirten o voceiro Socialista de Riotorto, Jose García. Así as cousas denuncia que “o alcalde de Riotorto, a día de hoxe non dixo ni mu para explicar o proceso desta contratación da súa muller no Concello. Por iso pedimos que dende a súa responsabilidade política dea a cara diante dos seus veciños e veciñas. Todo este procedemento esta cheo dunha falla de ética sen precedentes na historia desta vila”, denunciou.

Sen copia dos exames nin das actas

O Grupo Socialista de Riotorto foi convocado hoxe, xoves día 5 de novembro, para recoller nas dependencias municipais, parte da copia dos expedientes da contratación das 3 prazas, que se corresponden cunha praza de albanel, outra de xardineiro e unha praza de administrativa, seleccionadas a través do Plan Depuemprego da Deputación. Os concelleiros puideron acceder a ler ás actas do tribunal, pero non se lles facilitou copia da mesma, nin tampouco dos exames. A documentación que se lles entregou era un total de 17 folios nos que se incluían as bases da convocatoria, correos entre o tribunal sobre as bases e certificados da publicación no tablon dixital do concello, entre outros.

Acceso á documentación 30 días despois de solicitalo

Hai que lembrar que este proceso comezou o dia 1 de outubro cando o Grupo Socialista comprobou nas propias dependencias municipais que a muller do Alcalde ocupaba unha praza de administrativo no Concello. O día 5 de outubro rexistraron un escrito no Rexistro para coñecer o proceso de contratación deste novo posto de traballo. Transcorrido o prazo que marca a lexislación de 5 días naturais para resolver este expediente e ao non ter resposta, o Grupo Socialista volveu a rexistrar outra petición no Rexistro do Concello o pasado 27 de outubro para acceder a este expediente, polo que foron convocados a revisar a documentación hoxe, concretamente 30 días despois de solicitalo.