Skip to main content
ActualidadeFoz

O Concello de Foz presenta a programación do Nadal 2020

Por 2 Decembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Foz presenta a programación do Nadal 2020O Concello de Foz presenta a programación do Nadal 2020, “onde todo se reinventa para garantir que a maxia desta época do ano siga máis viva ca nunca, nun contexto onde as garantías sanitarias deben estar por encima de todo”, anuncian o alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Cultura, Inés López Couto. O alumeado das rúas focenses acenderase este xoves, día 3, ás 19:00 horas.

A edil de Cultura explica: “pensamos en todas as nenas e nenos: esta festa é deles. Adaptamos as programacións pensando nos máis pequechos da casa, así o teatro infantil cobra un protagonismo especial. Hai obras adaptadas para idades desde os 2 anos, polo que os papás terán onde escoller. As representacións serán na sala Bahía ás 18:30 horas en distintas datas, previa cita ata completar aforo”.

O alcalde engade: “temos informacións fidedignas de que os elfos e Papá Noel van estar de visita polas rúas de Foz adozando o Nadal. En Laponia son moi respectuosos coas medidas anti-covid e por iso este ano, para evitar aglomeracións e colas, a embaixada de Santa Claus trasladounos que Papá Noel e os seus axudantes elfos van pasear polas rúas, con pequenas sorpresas para os pequechos. Pero asegúrannos que este Nadal reforzouse o plantel de elfos, para que os agasallos saian con todas as medidas sanitarias”.

Inés López pon o acento na calidade da programación: “quero destacar a programación do domingo 27, cun concerto do grupo Suakai, que ofrecerá dous pases pola limitación de aforo da Sala Bahía, ás 18:00 e ás 20:00 horas. Conformado por un plantel de músicos formado polos mellores instrumentistas do panorama estatal, ofrecerannos unha viaxe a través das bandas sonoras máis relevantes e atractivas da historia do cine, acompañadas de imaxes e luces. Poder ofrecer este espectáculo en Foz, combinación do visual e instrumentos de corda, vento e metal é un auténtico luxo. Presentamos agora a programación do mes de decembro, que continuará no próximo mes de xaneiro, adaptándoa sempre ás condicións epidemiolóxicas. Non é, sen embargo, unha programación completa: agárdannos sorpresas que iremos descubrindo. Cousas da maxia do Nadal”.

O alcalde e a concelleira remataron anunciando que “o gran estreo deste programa será este xoves, día 3 de decembro, ás 19:00 horas, no que Foz se ilumina co gran acendido do alumeado do Nadal 2020, adiantado por mor das previsións de inclemencias meteorolóxicas. Quixemos que unhas datas tan entrañables se sintan tanto no núcleo urbano como nas parroquias, por iso as luces e as festas deben chegan a todos os recunchos do concello. Sabemos que é un Nadal diferente, no que non podemos estar reunidas todas as familias por completo, pero o sentimento destas datas, de unión e irmandade, sempre estará presente. O Concello de Foz quere estar ao lado de todos vosoutros e lembrar que xuntos superaremos calquera reto ou atranco que apareza no camiño”.