Skip to main content
ActualidadeTrabada

O PP de Trabada reclama á tenente de alcalde que renuncie á dedicación parcial

Por 4 Decembro, 2020Sin comentarios

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez (PSOE), é deputada provincial e ten dedicación exclusiva á Deputación. Para atender as cousas do Concello, estableceuse unha dedicación parcial, que foi adxudicada a Julia María Barcia. Hai algún tempo, como profesora, foi destinada, para facer unha substitución, a Silleda, e, a pesar diso, seguiu cobrando a dedicación parcial. Agora, cubre como substituta unha praza na provincia de Pontevedra e mantén a dedicación parcial. O portavoz popular, José María Fernández, demanda de novo a renuncia de Barcia ao soldo municipal e denuncia un baleiro de goberno no Concello.

José María Fernández sinala: “Dende o grupo do PP de Trabada denunciamos unha vez máis o baleiro de goberno que temos no Concello. Por unha parte, a alcaldesa está dedicada exclusivamente  á Deputación de Lugo, ás ordes do señor Tomé. Por outra parte, a tenente de alcalde, con dedicación parcial ao noso Concello e cun salario de 21.420 euros, por segunda vez este ano, está noutra provincia facendo unha substitución como profesora. Vemos que no Concello, polo tanto, hai un baleiro de poder. Non hai ninguén para atender aos veciños e veciñas de Trabada”.

Os populares, á vista da situación, demandan “a renuncia á dedicación parcial, como é o normal e o máis ético; se isto pasara cun alcalde do Partido Popular escoitariamos de todo”. Fernández declara: “Nós, xa na outra ocasión pedimos que renunciara á dedicación parcial; agora dicimos a maiores que neste momento, percibir dous salarios públicos e non facer aquilo polo que se recibe un deles non é ético. Esperemos que esta vez renuncie á dedicación parcial e que á fronte do Concello se poña alguén, porque os veciños teñen dereito a ser atendidos polo goberno municipal”.