Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Portos de Galicia inclúe nos orzamentos de 2021 novas bonificacións

Por 6 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, establece no seu orzamento para 2021 novas bonificacións aos usuarios por importe dun millón de euros co obxectivo de paliar as consecuencias económicas da alerta sanitaria polo coronavirus. Así o trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, na que presentou as contas do organismo para o vindeiro exercicio. 

Susana Lenguas explicou que a Xunta, a través de Portos de Galicia, vén de introducir unha disposición transitoria na Lei de Taxas na que establece para o vindeiro ano medidas excepcionais e bonificacións para o sector hostaleiro co obxectivo de mitigar os efectos neste sector da crise derivada da covid-19. “A modificación oriéntase nun dobre sentido: a exención dalgunhas taxas e a bonificación doutras”, detallou. 

No caso da exencións, aplicaranse ás taxas por ocupación de espazos das terrazas hostaleiras desde a entrada en vigor do decreto de estado de alarma do 14 de marzo de 2020 e mentres se manteñan vixentes as restricións impostas ao sector a causa da pandemia. Ademais, bonificarase cun 50% a taxa de ocupación de dominio público portuario para aquelas concesións ou autorizacións administrativas cuxo obxecto recolla, total o parcialmente, o uso de hostalería. Mentres, quedará conxelada a taxa Marpol de recollida de residuos dos buques nos portos. 

No que se refire ao capítulo de investimentos, a presidenta de Portos de Galicia fixo fincapé no “destacadísimo incremento da inversión interanual, que sobe un 39%, pasando de 13 a 18,8 millóns de euros”. Neste sentido, engadiu que ademais de establecer o investimento para 2021, os orzamentos do vindeiro ano recollen actuacións por importe plurianual de 29 millóns de euros. Así mesmo salientou que o 67% dos preto de 19 millóns de inversión prevista para 2021 “corresponden a obras e proxectos que se atopan xa en fase de licitación ou contratación”. 

A presidenta do ente público subliñou tamén que as contas de Portos de Galicia inclúe dúas grandes partidas para contratos de redacción de proxectos (por importe de 2,6 millóns de euros) e estudos ambientais e de dragaxe (1,6 millóns). Estas actuacións permiten “sentar as bases para a definición completa das necesidades detectadas e a súa resposta futura, dando o impulso necesario ao sector profesional, acuícola, marisqueiro, comercial e náutico-recreativo”. 

 

Tres liñas de traballo

Susana Lenguas detallou as actuacións previstas nos orzamentos de Portos de Galicia para 2021 e explicou que o conxunto das accións programadas son o resultado “do traballo realizado desde o rigor e a profesionalidade de todo o equipo humano do ente público de acordo con tres liñas de obxectivos: favorecer e mellorar as condicións de traballo dos homes e mulleres do mar, potenciar as actividades de mantemento para mellorar a competitividade das instalacións e impulsar a economía galega tanto no relativo á xestión do dominio público como ao investimento en infraestruturas portuarias con repercusión socioeconómica”.