Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

O BNG mindoniense examinará coa veciñanza o proxecto de reforma da praza da Catedral

Por 9 Decembro, 2020Sin comentarios

O BNG de Mondoñedo considera que debe haber un gran consenso social e político na remodelación da praza máis emblemática da cidade así que iniciará unha rolda de contactos con comerciantes, asociacións e veciños da cidade antes de pronunciarse sobre as obras de reforma da praza da Catedral que promove o concello.

O voceiro do BNG, Eloi Cabanas, quere escoitar o parecer da veciñanza sobre os cambios proxectados na praza antes de sacar conclusións sobre reformas propostas e ademais das actuacións previstas no proxecto de reforma, o BNG quere estudar outros temas como a reorganización do tráfico das rúas adxacentes á praza, a posibilidade de peonalización dalgunhas zonas do Casco Histórico ou a ordenación dos espazos de estacionamento da cidade.

“Lamentamos que o concello non celebrase reunións previas coa veciñanza antes de encargar a redacción do proxecto e de ter o visto bo de patrimonio así que antes de pronunciarnos sobre o proxecto de remodelación da praza queremos contrastar opinións coa veciñanza para saber se realmente é necesario reformar este espazo ou se son necesarias e acaídas todas as actuacións alí propostas”.

O Concello de Mondoñedo celebrou a semana pasada unha xunta de voceiros para tratar o tema das obras de acondicionamento da Praza da Catedral e ademais de Elena Candia e dos voceiros das tres forzas políticas representadas no concello, a reunión contou tamén coa participación de Gloria Trigo Mayor, arquitecta  redactora do proxecto básico e de execución e acondicionamento da praza.

Na reunión comunicouse que xa chegara ao concello a resolución da concesión definitiva do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana da axuda a cargo do 1,5% cultural para acometer as obras de acondicionamento, informouse das modificacións que se pretenden levar a cabo na praza e indicouse que o concello ten agora 6 meses de prazo para adxudicar as obras.

As obras teñen un orzamento total de 258.739,88 euros dos cales 64.684,97 euros serán financiados polo concello así que segundo apunta o BNG, “é necesario facer agora suxestións e  aportacións canto antes para analizar a súa viabilidade e propoñer se é o caso posibles cambios no proxecto de reforma”.