Skip to main content
ActualidadeFoz

Foz comeza esta semana coa súa programación especial de Nadal

Por 14 Decembro, 2020Sin comentarios

foz comeza esta semana coa súa programación especial de nadal.A concelleira de Cultura focega, Inés López Couto, anuncia que “comezan a encherse os días de actividades en Foz, despois do pequeno adianto destas semanas pasadas, co acendido das luces de Nadal antes da ponte da Constitución e coa obra de teatro do grupo O Centiño, que tivo unha dobre finalidade: a de achegar un pouco de ledicia a todos e facer unha recadación solidaria”.

Inés López especifica que “coma todos os venres e sábados, DJ Popy seguirá amenizando as compras nas rúas focegas coa súa música. O Concello sigue animando a todo o mundo a comprar no comercio local. E a Delegación de Cultura organiza para este venres, día 18, un recital musical de poemas inéditos de Xosé Neira Vilas, chamado Cantos de Amor; poderase desfrutar del ás 20 horas na Casa da Cultura. O sábado comezarán a chegar os elfos de Papá Noel, que durante a mañá percorrerán as rúas da vila con pequenos agasallos para as nenas e nenos. Animo aos máis pequenos a saír a pasear coas mamás e papás e desfrutar do noso pobo, que se engalanou nestas datas para achegarnos a maxia do Nadal e que Papá Noel e os Reis Magos atoparan de forma máis fácil Foz coa súa iluminación. Tamén se colocarán, en próximas datas buzóns en varios lugares do concello para que todos os pequenos poidan enviar a Laponia e Oriente as súas cartas, que atoparán nos comercios de Foz”.

A edil de Cultura engade que “o sábado, día 19, tamén se poñerá en escena Os nenos da varíola, unha adaptación teatral da obra de María Solar do mesmo nome, para nenos a partir de 8 anos, na que se nos achegan os feitos acontecidos en 1803 cando A Real Expedición Filantrópica da Vacina parte dende o porto da Coruña. ​Vinte e dous nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña conforman unha cadea humana brazo a brazo para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar, nunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade. Este acto será na Sala Bahía ás 18.30 horas”.

Para acudir tanto ao recital do venres coma á actuación teatral do sábado é necesario reservar no teléfono 982.140.027, extensión 3. O aforo será limitado e coas medidas de seguridade anticovid, para manter unha cultura segura.