Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Black Mirror é realmente o futuro que nos espera? A exitosa serie de Netflix reflexa dun xeito moi creativo á par que brutal unha visión dun mundo futurista a medio prazo, donde nalgúns capítulos podemos ver situacións que non están moi lonxe da realidade actual. A tecnoloxía como raíña absoluta das nosas vidas, as redes sociais establecendo o novo status social do que ninguén parece poder escapar…, vamos, a apocalipse.

É evidente que sufrimos unha auténtica revolución tecnolóxica nestes últimos 20 anos sen parangón e dun xeito moi exponencial, o cal nos fai reflexionar sobre se estamos realmente preparados para semellantes cambios, non só como individuos senón como sociedade. Existen diferencias moi notables entre as persoas que naceron con ou sen Internet, smartphones, redes sociais, etc. Estas novas -e parece que inseparables- ferramentas xa forman parte indispensable da nosa vida diaria e modifican comportamentos, formas de actuar, e o máis importante, crean novas estruturas de pensamento. Loxicamente, este cambio de paradigma tamén ten unha grande influencia sobre o mundo laboral e por iso estou absolutamente convencida de que o tipo de profesións que coñecemos como “artísticas” serán, sen dúbida, as “profesións raíña” do s.XXI. As máquinas, os ordenadores poden facer unha cantidade inimaxinable de tarefas, cada vez máis, que desprazan ao ser humano. Pero por agora -e espero que para sempre-, a arte é un concepto plena e puramente humano. Con isto non quero dicir que a tecnoloxía non sexa de gran axuda para o mundo artístico, simplemente que, en esencia, o traballo da mente creadora, das ideas, é exclusivamente humano. Escritores, ilustradores, pintores, compositores, músicos, actores, etc., son, na miña humilde opinión, a flor e a nata dunha sociedade humanista. O seu traballo é único, insubstituíble por unha máquina. Como sabiamente apunta a miña boa amiga Raquel García-Tomás -gañadora actual do Premio Nacional de Música na especialidade de composición-: “As profesións artísticas son AS PROFESIÓNS do s.XXI”. ¡E non podería estar máis de acordo!

Incluso nas empresas tecnolóxicas, como por exemplo o xigante de Google, sábese que as persoas do departamento creativo adquiren unha grandísima relevancia. Nin as entrevistas de traballo escapan a criterios artísticos. A importancia da “titulitis” -que desgraciadamente tanto padecemos nalgúns sectores en España- difumínase pouco a pouco para crear espazos donde a creatividade, as boas ideas ou a capacidade para traballar en equipo conforman os ingredientes básicos do candidato ideal.

Eu, como músico profesional que son, quixera alzar a voz para reivindicar o valor da miña profesión e que, por suposto, debe comezar polo respecto a nós mesmxs. Máis que nunca, nestas circunstancias tan estranas que nos toca vivir, debemos sentirnos orgullosos e afortunados de poder adicarnos a unha profesión tan extraordinaria que nos permite estar en contacto con algunhas das máis grandes obras de arte da Historia: dende a música de Bach ou Tomás Luís de Victoria ata compositoras actuais como a miña queridísima Raquel García-Tomás. Pero é que, ademais do luxo de poder interpretar a Beethoven ou Mozart, xogamos co marabilloso mundo das emocións, dos sentimentos. Non hai sensación máis gratificante para un músico que ao remate dun concerto se achegue unha persoa a felicitarte polo teu traballo, porque igual despertaches unhas emocións esquecidas ou escondidas… Resumindo, a posibilidade de crear instantes únicos e especiais na vida de alguén é, simplemente, máxico. E por iso debemos esforzarnos sempre en dar o mellor de nós, en mimar cada nota, cada frase; sen perder a ilusión nin un só segundo en cada ensaio ou concerto. Porque sí, somos privilexiados.

Partindo de tales premisas poderemos entón esixir o apoio dos gobernos, das institucións porque, sen dúbida, deben apostar por un compromiso firme coa cultura, teñen a responsabilidade de xestionar os recursos públicos para o ben e disfrute común.

O mundo das profesións artísticas é sublime e complexo. Cada vez que lemos un libro, contemplamos un cadro ou ilustración, asistimos a unha representación teatral ou concerto, vemos unha película no cine, etc. debemos ser conscientes do traballo infinito que hai detrás. Mentes creadoras sen descanso, búsqueda de ideas únicas, horas e horas de reflexión, vamos, a esencia do ser humano. Tarefas dunha gran profundidade e complexidade que escapan ao mundo da tecnoloxía, das máquinas, da linguaxe binaria.

Así que non esquezamos xamais que o ser humano é o centro da creación artística. Creamos nunha sociedade humanista onde a arte inunde as nosas vidas por enriba de todo, porque sí, é a nosa razón de ser e existir. Orgullo “non-binario”.