Skip to main content
ActualidadeXove

O BNG de Xove califica de “vintage” os orzamentos do 2021

Por 16 Decembro, 2020Sin comentarios

O concelleiro do BNG de Xove, Miguel García Rodríguez, vén de criticar os orzamentos do Concello para o 2021 como “presupostos vintage” porque “pouco invitan ao municipio a saír da escuridade, a pesar da importante inversión en  alumeado de 262.000 euros, por outra vía que non sexa a do asfalto do que tamén temos cantidade, 667.500 euros, unha política de asfalto e poste nada acorde nin coa época nin coa situación que  vivimos os mariñás, con dous virus, moi graves os dous, o sanitario e o industrial”. 

Segundo os nacionalistas “o Goberno municipal carece dun plan a longo prazo e cada ano que pasa demostran que a palabra xestión para eles non vai máis alá que tapar furados sin previsión ningunha de futuro;  unha política que lonxe de ser conservadora trócase en arriscada porque o estancamento destas políticas castíganos aos veciños ano tras ano nunha obsolescencia nada acorde co elevado presuposto que se dispón 7.935.000 euros”.

A vontade do BNG non é aumentar o investimento, senón distribuílo de xeito eficaz en políticas de futuro, innovación, emprego,  reactivación do rural e servizos. A maiores dos anteriormente citados alcatrán e alumeado, o resto pódese chamar calquera cousa menos reparto. Non se pode chamar xusto un investimento que se esquece literalmente de parroquias coma Lago, Morás, Xuances ou Sumoas destinando 0 euros, a mellora dun acceso a  San Cristovo de 40.000 euros e o acondicionamento da fonte das hedradas de 30.000 euros vai ser o único  que reciban as parroquias de Portocelo e Monte”, engade García Rodríguez.

Por outra banda, “o investimento en políticas activas de emprego segue sendo o mesmo que nos anos anteriores, cero euros, polo que cómpre non desilusionarnos ao saber que Xove, o concello que leva máis  de 40 anos ó amparo do complexo de Alúmina e Aluminio, non ten ningunha alternativa laboral ó peche da multinacional Alcoa. Un peche que de non materializarse será grazas á loita dunha comarca desamparada pola clase política no poder. O máis parecido que figura no investimento relacionado coa industria, pasa polo acondicionamento da parcela de titularidade municipal dentro do polígono industrial de Camba… pero para convertela en prazas de aparcadoiro de 48.000 euros. Agora o único que podemos facer é lamentar os 40 anos de inmobilismo popular, pero do que aínda estamos a tempo é de evitar concederlles unha soa lexislatura máis”, segue dicindo o concelleiro.  

“En resumo, a palabra decepción quédasenos algo curta ante tales contas. Sabemos que  mentres non chegue unha alternativa política que si aposte polo futuro da vila, esta vai ter que  seguir amparada polo abnegado traballo das distintas asociacións e clubs, que co seu traballo  aportan máis ó Concello que o propio goberno municipal intentando facer de Xove un lugar  atractivo ó que vir e no que vivir”, conclúe dicindo.