Skip to main content
ActualidadeCervo

O Concello de Cervo programa unha completa axenda para estas festas de Nadal

Por 16 Decembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Cervo programa unha completa axenda para estas festas de NadalO Concello de Cervo, en colaboración con diferentes asociacións do municipio, programou para estas festas de Nadal unha completa axenda de eventos e actividades dirixidas para todo tipo de público, que foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, pola edil de Cultura, Dolores García Caramés, e por membros das asociacións Airiños do Xunco e Fervenza de Sargadelos, así como da organización do II Mercado de Nadal de Sargadelos, que se celebrará xa este sábado, 19 de decembro, entre as 12:00 e as 20:00 horas na Sala de Exposicións de Sargadelos. A iniciativa está promovida por Serea Sufboards, Pasiños na Lúa e Marmeladas A Morena, coa colaboración do Concello de Cervo.

O 21 de decembro será a inauguración da exposición das postais de Nadal que participaron no concurso programado cada ano pola delegación de Cultura, e tamén se presentará ao público o belén de plastilina que este ano estará formado por figuras elaboradas polos/as nenos/as que desexen participar na súa casa; teñen ata o vindeiro venres, 18 de decembro, para entregalas na Casa da Cultura ou na Casa do Concello. Tanto as postais como o belén poderán visitarse na Casa da Cultura, ata o 8 de xaneiro, en horario de 9:00 a 15:00 horas.

O 22 de decembro, está previsto que os paxes de Papá Noel visiten ao alumnado dos dous colexios de Cervo e aos/ás nenos/as da Escola Infantil Municipal. Tamén estamos a preparar unha videochamada personalizada gratuíta con Papá Noel. Os/as pequenos que desexen falar con el poden inscribirse ata o 17 de decembro na plataforma www.nadal2020.es. Logo do rexistro, concretarase a data e hora da conexión con Papá Noel.

O xoves 24 de decembro a Asociación Fervenza de Sargadelos coa colaboración do Concello, organiza un ano máis a Noiteboa Infantil. Será a partir das 17:30 horas no salón de actos do Concello de Cervo con “Contos e outras Andrómenas” de Pedro Brandariz; non faltará a visita de Papá Noel.

O 26 de decembro o auditorio da Casa da Cultura acollerá ás 19:30 horas, un concerto de Nadal da man da agrupación Lucus Ensemble.

Os Reis Magos, como non podería ser doutro xeito, teñen tamén moito protagonismo nesta programación. O 5 de xaneiro os pequenos da casa poderán compartir un anaco coas Súas Maxestades de Oriente nunha recepción que terá lugar na Casa da Cultura en San Ciprián, entre as 16:00 e as 19:00 horas; respectando sempre todas as medidas de prevención fronte ao COVID-19; a continuación os Reis Magos achegaranse ata Cervo para recibir ás crianzas no salón de actos, desde as 19:30 horas; tamén haberá unha actuación infantil; programada pola asociación Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello de Cervo.

Xa o 2 de xaneiro haberá maxia da man de Román García, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, o 3 de xaneiro Caxoto deleitará aos pequenos co seu conto “paxe real” ás 12:30 horas no salón de actos do Concello de Cervo; e o 4 de xaneiro terá lugar o espectáculo de títeres “Gaela quere ser druída” de Marionetas Trécola.

Teatro e Xuventude

O cine será tamén protagonista este Nadal coa proxección de cintas infantís e xuvenís o 28 e 29 de decembro; e o 7 de xaneiro.

Para a mocidade tamén hai actividades pensadas para estas datas como un láser tag o 29 de decembro; que se desenvolverá no Pavillón da Veiga, en horario de 16:00 a 20:00 horas; por quendas e baixo inscrición previa. Do mesmo xeito, o 30 de xaneiro haberá un Escape Room cos mesmos requisitos, ubicación e horario.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza a participar nas actividades programadas e a gozar destas Festas no municipio; sempre respectando as medidas de prevención e cumprindo os protocolos de seguridade establecidos.