Skip to main content
ActualidadeDeportes AMARIÑAXARibadeo

Entregan unha placa á atleta ribadense Ana Ferradás

Por 17 Decembro, 2020Sin comentarios

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, fíxolle entrega á atleta ribadense Ana Ferradás da réplica da placa que leva o seu  nome e que se vai colgar na porta da aula de 6º de Educación Infantil do Colexio Público Gregorio Sanz e dun exemplar do xogo A Tribo en recoñecemento pola súa traxectoria no eido deportivo, como adestradora e atleta que acadou varias medallas e triunfos.

A edil ribadense explicou que “Eu quero ser coma é un proxecto da Concellaría de Igualdade  de Ribadeo que naceu coa finalidade de visibilizar ás mulleres e os seus logros ao longo da historia, os cales foron ocultados, silenciados como se elas non existisen. Foron 38 as persoeiras elixidas coas que se traballou nas aulas, investigando sobre elas e afondando nos seus logros e achegas  á sociedade”.

Álvarez Lastra sinalou que “mediante representacións teatralizadas, a través dos Viaxes no tempo, o alumnado desde Infantil ata sexto de Primaria dos Colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Xesús tiveron contacto con persoeiras de diversos ámbitos (música, pintura, ciencia, literatura, deporte, etc), algunhas delas orixinarias da Mariña coma Maruxa Mallo, outras galegas como a primeira muller futbolista: Irene González, ou a primeira astrónoma galega: Antonia Ferrín, e outras de ámbito internacional como a cantante Violeta Parra, a precursora do wifi: HedyLamarr, etc. No momento no que os grupos atravesaban as portas, deixaban de estar no 2020 para remontarse a outros anos, e poder disfrutar das anécdotas e das aventuras contadas de primeira man por mulleres que aínda hoxe son recordadas polo seu papel na historia, pese a que nun primeiro momento a maioría sufriron moitas trabas para poder chegar onde chegaron, pola condición de ser mulleres”.

A concelleira de Igualdade engadiu que “os seus nomes bautizarán as aulas de Primaria e Infantil do Colexio Público Gregorio Sanz e do Colexio Sagrado Corazón de Xesús. Editáronse unhas placas co nome e unha ilustración de cada unha delas realizadas polo alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, de educación plástica, visual e audiovisual. Rúas, prazas e as aulas dos centros educativos levarán nome de muller en Ribadeo. Trátase dun paso máis na feminización dos espazos no noso concello”.

Mariluz Álvarez Lastra dixo que “dentro desas 38 persoeiras incorporamos aquelas mulleres que destacaron e que ademais son orixinarias da nosa vila como a farmaceútica Manuela Barreiro, a deportista Ana Ferradás ou as músicas Meniñas da Saudade, elas non podían faltar. E como culme deste proxecto colaborativo e participativo deseñouse o xogo  de cartas feminista  A tribo, un xogo no que as persoeiras identificáronse coa cor correspondente ao seu campo profesional (arte, literatura, deporte ou ciencia) e levarán na marxe unha bandeira indicando a  territorio de nacemento  das diferentes  mulleres. E nesas cartas tamén están as ribadenses”.