Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Esgotadas as panchas de Ribadeo, que se poden usar ata xaneiro

Por 17 Decembro, 2020Sin comentarios

Este mércores esgotáronse as panchas, que se poderán gastar nos locais adheridos ata o vindeiro 5 de xaneiro. En total foron adquiridos os 5.700 packs postos en circulación en dúas fases, a primeira tivo lugar de outubro ata o 1 de decembro e a segunda deu comezo hai once días.

A moeda local de Ribadeo, a pancha, converteuse nesta segundo edición nun auténtico reclamo. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, asegurou que “xa prevíamos que ía ser un éxito, tal e como aconteceu o ano pasado, e agora vemos que así foi. Estamos moi satisfeitos pola acollida e porque esta iniciativa é un revulsivo para o comercio e para a hostalería locais, que están a afrontar este 2020 cargado de dificultades”.

Vizoso Galdo lembrou que “o primeiro lote de 3.700 packs de panchas esgotouse o último día previsto para o remate desta edición, que foi o pasado martes, 1 de decembro. E os 2.000 packs da segunda fase puxéronse en circulación hai once días e rematáronse hoxe. Agardamos que a cidadanía aproveite esta oportunidade para consumir en clave local, tanto no comercio coma na hostalería, e que aposte firmemente polos negocios de Ribadeo nestas datas e tamén no futuro”.

O Concello destinou a esta campaña 57.000 euros máis os gastos de promoción e organización. O edil ribadense subliñou que “o volume de negocio que xeramos coa moeda local de Ribadeo nesta edición é de cómo mínimo 240.000 euros en valor de ventas, cartos que terán repercutido ao longo duns tres meses no comercio, na hostalería, nos servizos… do noso pobo, que neste 2020 tanto o necesitan”.

A campaña das Panchas foi organizada polo Concello de Ribadeo coa estreita colaboración de Abanca e de Acisa e co apoio da Deputación Provincia de Lugo.