Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXACervo

O TSXG declara nulo o ERE de Alcoa

Por 17 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o ERE de Alcoa e condenou á empresa a reincorporar aos empregados afectados ao seu posto de traballo e a pagarlles os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento ata a súa efectiva readmisión. O alto tribunal, polo tanto, acolleu a demanda presentada polos sindicatos CCOO, CIG e UXT fronte ao despedimento colectivo presentado pola multinacional do aluminio, con sede en San Cibrao (Lugo), que afectaría a 524 traballadores da planta. A Sala aprecia mala fe nas negociacións por parte da empresa, pois asegura que a súa posición sobre os despedimentos e as súas compensacións “non variou nada” desde a súa proposta inicial.

Os maxistrados conclúen que a intención da compañía é “paralizar as cubas electrolíticas da fábrica para o seu posterior peche” e entenden que coa oferta de ERE que realizou ao comité de empresa pretendía “vestir o mesmo, pero dunha maneira diferente”. Así, destacan que ese Expediente de Regulación Temporal de Emprego “non privaría á empresa da posibilidade de extinguir os contratos de traballo unha vez rematada a súa vixencia”.

Os xuíces consideran “sumamente significativo” o número de traballadores afectados polos despedimentos, pois destacan que a súa porcentaxe “se aproxima, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias, lle permite á empresa consolidar as axudas recibidas das administracións públicas sen ter que devolvelas e, á vez, sen impedirlle o peche das cubas”. Ademais, insisten en que os traballadores que seguisen en plantilla poderían ser despedidos unha vez superados os prazos de garantía das axudas. Todo iso permite á Sala deducir, segundo explica na sentenza, que “o fin único e primordial que guiaba á empresa era apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible”.

O TSXG asegura que “todas as supostas concesións” realizadas por Alcoa durante a negociación se produciron “coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento, única que lle impediría levar a cabo a decisión estratéxica de paralización das cubas e o peche da fábrica”. Así, indica que a Xunta lle advertiu ata en dez ocasións sobre a necesidade de prolongar o período de consultas, algo que a compañía realizou “sempre no último momento e con resistencias, argüindo empecinadamente o elevado custo de manter as cubas electrolíticas en funcionamento”.

O ofrecemento do ERE produciuse, segundo os maxistrados, tras unha advertencia da Xunta, como autoridade laboral competente, e “nun momento moi avanzado da negociación”. Ademais, conclúen que se prolongou “non coa finalidade de discutir sobre o despedimento colectivo, senón para deixar tempo para negociar a venda cun terceiro”. “A pobreza das negociacións é tal que se limitou practicamente a dúas cuestións acerca das posibilidades reais da venda da planta de aluminio a un terceiro e os efectos da parada e rearranque das cubas de electrolisis”, salienta a Sala.

Os xuíces afirman no fallo que os diálogos de Alcoa cunha empresa para vender a planta “permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica”, pois sosteñen que a multinacional entrou na negociación “con posicións predeterminadas e un claro obstáculo para non chegar a un acordo final”.