Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXACervo

A Mariña recibiu un fluxo de declaracións de satisfacción pola nulidade do ERE de Alcoa

Por 18 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Menos de media hora despois de que se dese a coñecer a sentencia que anulaba o ERE de Alcoa, os traballadores manifestáronse á porta para festexar a noticia que calificaron como “un importante triunfo”. Non faltou a bebida, as proclamas reivindicativas ou a queima da bandeira estadounidense.

Pero o alivio e a satisfacción dos traballadores non foron as únicas voces que se escoitaron onte xa que foron moitos sectores os que expresaron a súa satisfacción.

De feito, esta mañá, os traballadores de Alcoa teñen un pleno extraordinario para valorar a sentencia e continuarán na súa loita por salvar a factoría.

JAVIER LOSADA

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, explicou que espera que signifique outro paso cara ao mantemento do emprego e a actividade industrial. O delegado do Goberno volveu a facer un chamamento ao traballo conxunto para conseguir o mantemento do emprego.

Nese sentido, expresou o seu desexo de que Alcoa se avenga a continuar co iniciado proceso de venda. Unha vez o Tribunal Superior declarou a mala fe da empresa, espera que esta situación revértase e leve cara a unha transición que implique o mantemento de todos os postos de traballo actuais.

Ademais, lembrou que esta mesma semana o Goberno aprobou mediante un Real Decreto o Estatuto dos Consumidores Electrointensivos. Esta norma serve para dotar ás empresas dun marco xurídico e económico que mellora a súa competitividade. Favorece, ademais, o investimento industrial e beneficia, por tanto, a actividade e a creación de emprego, moi importante neste sector en Galicia.

Coa aprobación desta semana, dáse cumprimento a un compromiso que adquiriran persoalmente o presidente, Pedro Sánchez, e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, nas súas visitas á Comunidade galega.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

O BNG valouro a sentenza como unha vitoria da Comarca da Mariña e moi especialmente dos traballadores e traballadoras de Alcoa, “que estiveron sempre dispostos a dar a batalla política, social e legal en defensa do futuro desta factoría, da continuidade da produción e dun emprego vital. Sen esa batalla, a sentenza non sería unha realidade”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

A segunda lectura que fai o BNG é que a sentenza deixa claro que o plan da multinacional é pechar a fábrica de aluminio en San Cibrao e que para iso está actuando de mala fe, “corroborando o que denunciaba tanto o Bloque como os traballadores e traballadoras, advertindo que a dirección non tiña interese, nin plan algún de futuro para a planta mariñá, senón que o seu obxectivo era o simple peche”, alega a líder nacionalista.

E, finalmente, para o Bloque a sentenza é un paso na boa dirección “pero para o empuxón definitivo debe existir unha solución política que pasa por unha intervención pública e, neste sentido, volvemos pedirlle tanto ao Goberno do Estado como ao Goberno da Xunta que deixen de perder un tempo que é necesario para poder manter en pé a produción de aluminio e os postos de traballo”.

GONZALO CABALLERO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou a Alcoa a permitir a venta da súa planta de San Cibrao e facilitar así a súa viabilidade. “Temos que manter toda a presión sobre Alcoa para que rectifique xa e permita a venta”, incidiu Gonzalo Caballero.

Neste escenario, Gonzalo Caballero recordou que o Ministerio de Industria atopou un inversor para a factoría de Cervo, polo que esixiu a Alcoa que “deixe de entorpecer” o proceso. A liña de acción conxunta de todas as administracións cos representantes dos traballadores debe seguir para que Alcoa rectifique xa e mude a súa posición.

“A planta é viable e hai unha empresa interesada nela, polo que temos que seguir traballando para garantir o emprego na Mariña”, defendeu o máximo dirixente do PSdeG.

XUNTA DE GALICIA

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, cualificou de boa nova a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara nulo o ERE de Alcoa e agarda que a empresa volva agora á senda do diálogo para negociar a venda da planta.

“É unha boa nova para as 524 familias que durante todos estes meses levan traballando e loitando para conseguir este obxectivo de manter os postos de traballo e a actividade industrial”, asegurou ao tempo que quixo recoñecer e agradecer o esforzo conxunto realizado polo comité de empresa e das administracións (Goberno central e Xunta de Galicia, co apoio dos concellos da Mariña).

Conde incidiu en que Alcoa debe rectificar e traballar na venda da planta, sobre todo sabendo que hai un operador disposto a investir e que quere manter a actividade. Deste xeito, explicou, poderíase dar unha solución tanto aos traballadores como á comarca tendo en conta, ademais, que se trata dun “sector estratéxico para a economía galega que temos que defender”.

O vicepresidente segundo tamén indicou que o fallo de hoxe –que dá a razón á autoridade laboral– supón “volver ao día un”, polo que é o primeiro paso para reactivar o diálogo, atopar puntos de entendemento e pechar un acordo.

Conde finalizou subliñando que Alcoa é para A Mariña e para Galicia unha empresa estratéxica e que a Comunidade non está disposta a perder a súa posición nun sector de peso como o do aluminio polo que o obxectivo segue sendo manter o emprego e a actividade industrial da planta.

CC.OO.

Para CC.OO. a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o ERE de Alcoa por apreciar “mala fe da empresa nas negociacións. O alto tribunal, polo tanto, asumiu as teses defendidas no xuízo polos sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG fronte ao despedimento colectivo presentado pola multinacional estadounidense”, din.

“Na súa sentenza, o TSXG conclúe que a única pretensión da empresa era paralizar as cubas, xa que iso obrigaría ao peche forzoso. Nesta liña, os maxistrados entenden que a oferta de expediente de regulación de emprego (ERE) que fixo Alcoa consistiría en vestir o mesmo, pero dunha maneira diferente”, engaden.

O secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, considera esta data como “un gran día para a clase traballadora galega”. O dirixente sindical salienta a longa loita dos últimos meses, caracterizada pola unidade sindical, pola unidade social na Mariña, pola unidade institucional en defensa da continuidade da factoría. “Benvidas sexan tamén, as resolucións xudiciais a esa unidade en defensa do emprego na Mariña”, apunta Sarmiento.

Para Sarmiento, quedou constatado que Alcoa “obrou de mala fe e persegue intereses espurios”, e empraza as Administracións públicas a “facer viable unha alternativa industrial que garanta o emprego na comarca da Mariña”.

ISABEL RODRÍGUEZ

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, celebrou a anulación do ERE de Alcoa polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na súa intervención durante a inauguración do II Congreso de UGT, Lugo, Lemos e Costa lucense. Isabel Rodríguez felicitouse por unha sentenza moi importante para a provincia e para a comarca da Mariña, que concorda co que defenderon os traballadores e a Avogacía do Estado e que “debe obrigar a Alcoa a virar a súa estratexia e retomar de boa fe a negociación para a venda da factoría”.

FRAN CAJOTO

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, considera que a sentenza dá folgos para seguir traballando de cara a manter a fábrica de aluminio na Mariña. “Temos que felicitarnos por unha sentenza xusta que lle dá a razón ao comité de empresa de Alcoa, a todas as veciñas e veciños da Mariña e a todas as administracións, que estabamos, estamos e estaremos presionando para que Alcoa deixe por fin a factoría e faga esa venda a Liberty que garanta a continuidade da fabricación dun aluminio de calidade na Mariña. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulo e ERE de Alcoa, mantéñense as medidas cautelares acordadas no auto do 4 de novembro de 2020 e isto significa que as cubas non se paran, que a xente mantén o seu posto de traballo, que as escusas postas por Alcoa para xustificar un ERE non se sosteñen. En cinco puntos o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aprecia a existencia de mala fe negocial por parte da empresa”, manifesta o rexedor municipal.