Skip to main content
ActualidadeViveiro

Viveiro presenta unha campaña de compostaxe doméstico

Por 19 Decembro, 2020Sin comentarios

Viveiro presenta unha campaña de compostaxe domésticoO Concello de Viveiro presentou unha innovadora campaña de compostaxe doméstica dirixida á veciñanza e os centros educativos.

O proxecto, que forma parte da iniciativa #ViveiroSustentable, levará composteiros ás casas de Viveiro e formará ás familias interesadas. Apuntarse ao programa é gratuíto e tamén chegará a catro centros educativos.

Este proxecto axuda a acadar os Obxetivos de Desenvolvemento Sustentable e o compromiso adquirido polo Concello de Viveiro de redución de CO2 no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, aprobado o mes pasado polo Pleno Municipal.

A alcaldesa de Viveiro, Maria Loureiro, está remitindo cartas aos veciños e veciñas para animalos a inscribirse no proxecto de compostaxe doméstica, implicando así á veciñanza na loita contra o cambio climático.

“O noso modo de vida ten como consecuencia a xeración de moitos residuos e un dos retos importantes aos que se enfronta a nosa sociedade é levar a cabo unha xestión dos mesmos respectuosa e sostible co medio ambiente; temos que implicarnos todos e todas na xestión do lixo, facéndoa máis responsable na correcta recollida selectiva e na redución na xeración de residuos”, asegurou na rolda de prensa María Loureiro.

“A compostaxe é a alternativa de tratamento máis sostible ambientalmente da fración orgánica do lixo que, no Concello de Viveiro, supón o 42% dos 462 quilogramos que xera de media ao ano un cidadán do noso concello”, engadiu a alcaldesa de Viveiro.

O Concello de Viveiro pretende con esta aposta pola compostaxe que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares. Así mesmo, traballarase con catro centros educativos que dispoñan de comedor e horto ou zona verde.

A iniciativa, con financiación europea, conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e prolongarase 11 meses. Durante ese tempo mestres composteiros visitaran as familias para facer un seguimento dos composteiros e dar unha formación continua a cidadanía.

Para participar de forma gratuíta no programa é necesario completar un formulario (https://cutt.ly/yhO5rrF) ou enviar un correo electrónico a  viveirosustentable@mediagesgm.com. Unha vez inscritas, as familias serán convocadas a xornadas de formación neste mes de decembro e recibirán nas súas casas un composteiro antes da visita do mestre composteiro.

O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.