Skip to main content
ActualidadeBurela

Abre no pavillón de Burela unha zona de inchables e xogos

Por 27 Decembro, 2020Sin comentarios

As nenas e os nenos de Burela disfrutarán de inchables e xogos do 28 ao 30 de decembro no pavillón dos institutos, segundo deu a coñecer hoxe o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey.

O edil explicou que “a intención era facer esta actividade na praza da Mariña, pero como a previsión do tempo para eses días é de auga decidimos trasladalas ao pavillón dos institutos. De todos os xeitos, si algunha xornada fose seca poderíamos levar os inchables ao exterior”.

Unha das maiores atraccións será un tobogán deslizador con efecto neve: “é a primeira vez que se conta con el na Mariña. Está destinado a todas as idades, para os nenos e as nenas e os seus pais e nais. Este inchable é para toda a familia. Hai outros que só son para @s nen@s”.

Fernández Rey dixo que “será necesario inscribirse previamente cada día no pavillón para acudir, debido á situación sanitaria que estamos a vivir. Todos os protocolos covid en vigor estarán activos. Vanse facer grupos e quendas de 15 minutos (10 de uso e 5 para proceder á desinfección dos inchables) e volta a empezar. O horario será de 12 a 14 horas polas mañás e de 16 a 20 horas polas tardes”.

O concelleiro de Deportes engadiu que “facemos estas actividades con cargo a un remanente económico que tiñamos pendente do Plan Único da Deputación. Quixemos destinalo aos nenos e ás nenas de Burela nestas datas de Nadal”.