Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXACervo

O polígono de Cuíña acollerá a nova planta de biorresiduos da Xunta

Por 29 Decembro, 2020Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

O polígono de Cuíña acollerá a nova planta de biorresiduos da XuntaA Xunta de Galicia ten en licitación a redacción do proxecto básico para a construción da nova planta de compostaxe no Concello de Cervo. Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa visita ao polígono de Cuíña, onde se localizará a futura planta, para anunciar o inicio do procedemento, coa licitación por case 140.000 euros, IVE incluído, desta instalación ambiental.

Os terreos que albergarán a nova planta -que dará servizo a 15 concellos do arco cantábrico galego- suman unha superficie de case 8.000 metros cadrados, dos cales 3.500 se disporán para a nave pechada que implica esta instalación. Tal e como explicou a conselleira, decidir e fixar o lugar no que se ubicará a terceira planta en Galicia dedicada ao tratamento e xestión dos chamados biorresiduos domésticos, logo da posta en marcha o ano pasado da de Cerceda, no propio complexo medioambiental de Sogama, e de anunciar a licitación da segunda, no Concello de Vilanova de Arousa.

A planta de Cervo dará servizo a 15 concellos -principalmente á práctica totalidade dos concellos da comarca da Mariña lucense, xunto co Concello de Mañón, na comarca de Ortegal- e beneficiará a máis de 70.000 habitantes; polo que os beneficios da posta en marcha percibiranse no municipio de Cervo e tamén nas vilas que se sitúan nun radio de 45-50 quilómetros de distancia. Neste sentido, a previsión é que a planta dea emprego na zona a entre 8 e 10 persoas.

En canto á capacidade da planta, a conselleira indicou que poderá tratar ata 3.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, explicou que o obxectivo é acadar unha produción de 1.500 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).

En total, o investimento previsto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na posta en marcha da instalación proxectada no polígono de Cuíña ascenderá a 5,5 millóns de euros e, como lembrou a conselleira, está previsto construír outra plantas no sur de Ourense, co fin de poder ofrecer o mesmo servizo en todas as provincias e cubrir a totalidade da Comunidade galega.

Máis de 30 millóns no vindeiro ano

A conselleira incidiu en que nos orzamentos do seu departamento para 2021 resérvase unha partida de 31,4 millóns de euros para seguir avanzando cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos que sitúe a Galicia á vangarda de Europa nesta materia.

Desta partida global, cinco millóns irán dirixidos a transformar as cinco microplantas de transferencia coas que conta actualmente Sogama –localizadas en Ponteceso, Curtis, Riotorto, A Lama e A Cañiza- en instalacións máis eficientes e con maior capacidade, aumentando as taxas de reciclaxe e reducindo as emisións de CO2, e outros 25 millóns dedicaranse a fomentar a compostaxe na Comunidade a través das tres novas plantas de biorresiduos proxectadas nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Grazas a estes investimentos, a conselleira considerou que Galicia poderá seguir optimizando e consolidando a eficiencia do seu actual modelo de xestión de recollida selectiva dos residuos, en cumprimento das directrices europeas, ao tempo que contribuirán a crear novos empregos verdes en diferentes sectores profesionais.