A situación en Xove é preocupante nunha xornada de repunte en toda a provincia

A situación en Xove é preocupante nunha xornada de repunte en toda a provinciaImportante revés para a provincia de Lugo na xornada previa á celebración de Fin de Ano no tocante á incidencia do coronavirus. Así, por primeira vez en semanas, prodúcese un importante repunte a nivel xeral e os casos chegan a 430, 33 máis que onte. Este aumento é debido a sumar 50 novos positivos (onte foron 13) e 17 altas (onte foron 16).

Quedan así un total de 7.059 persoas afectadas pola covid-19 dende a orixe da enfermidade no mes de marzo, e 6.482 curados.

O número de falecidos mantense en 145, trala morte o pasado sábado dunha usuaria da residencia de Trabada.

A presión hospitalaria segue controlada. Os centros sanitarios albergan a un total de 14 pacientes, un máis que o martes. En concreto, 2 permanecen na UCI (un menos) e dez en unidades de hospitalización (2 máis): 5 no Hula (dous máis), 5 no Hospital da Mariña (os mesmos) e 2 no Hospital de Monforte (un máis).

A situación na Mariña continúa a ser preocupante en Viveiro e Xove principalmente, municipios nos que continúa aumentando a incidencia acumulada a quince días. Na cidade do Landro, hoxe produciuse un pequeno respiro con 58 casos, dous menos que onte, mentres en Xove se sitúa en 65 (vinte casos máis que onte). Na vila xovense segundo caso,

Debido a esta situación, o comité clínico declarou o estado de máxima alerta na primeira e de alerta medio-alta na outra vila, con todas as restricións que representa.

O Sergas realizará cribados no municipio de Xove para detectar casos en persoas asintomáticas, ademais de para frear a cadea de transmisión do virus no municipio, do que preocupa a súa elevada incidencia.

En Ribadeo, onde se produxo un gromo no Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, parece que continúa estable a incidencia, con 18 casos na última quincena.

Tamén se detectou un caso na de Trabada pero segundo o cribado efectuado pola Deputación nesta instalación, tratouse dun falso positivo e ningunha das probas efectuadas deu positivo.

Tamén Burela continúa estable con 12 casos, un máis que onte.

Hoxe, só Lourenzá segue sen casos novos de covid na última quincena na Mariña.

GALICIA

Galicia suma este mércores 484 contaxios por covid-19, 170 máis que o día anterior (54 %), nunha xornada na que a presión asistencial, pola contra, volveu descender, ata as 337 persoas, 10 menos. Así, en planta hai con 282 persoas ingresadas, 9 menos e nas UCI, 55, 1 menos.

Os falecidos desde o inicio da covid-19 en Galicia son 1.386, tras as seis mortes notificadas a última hora do martes.

Con estes datos os casos activos na comunidade autónoma sitúanse en 5.625, 102 máis que na xornada anterior.

Por áreas sanitarias, os contaxios detectados por PCR soben principalmente na Coruña e Santiago, ambas por riba de cen novos casos; mentres que aumentan de forma moderada en Lugo, Ourense e Pontevedra.

Ferrol continúa a súa tendencia á baixa, 17 contaxios menos que o día anterior, e Vigo apenas sobe, con tres máis.

Deste xeito, A Coruña con 118 casos novos chega aos 956 casos activos, 72 máis; e Santiago, que segue sendo a área máis afectada chega a 1.373 casos activos, 37 máis, tras detectar 103 novos, 49 máis.

Ourense suma 36 contagios, 16 máis, ata os 545 casos activos, 20 máis. En Pontevedra, pola contra, malia aumentar os contaxios, 16 máis que o día anterior, ata os 48, o número de casos activos segue o seu lento descenso, ata os 821, 31 menos.

A área de Vigo suma 73 novos contaxios, 3 máis, pero reduce os casos activos ata os 1.173, 19 menos; mentres que a área de Ferrol detectou este mércores 13 contaxios, 17 menos, ata os 327 casos activos, dez menos.

Dende marzo contraeron a covid-19 en Galicia, segundo as estatísticas oficiais, 62.466 persoas, das que faleceron 1.386 e recuperáronse 55.460.

Ademais, o Sergas confirmou hoxe a existencia dun paciente positivo pola cepa británica en Santiago mentres se estudan seis casos na Mariña.

SEGURIDADE EN FIN DE ANO

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou que hoxe, na última reunión do ano celebrada polo CECOR (Centro de Coordinación) ultimáronse os dispositivos que porán en marcha as forzas e corpos de seguridade na provincia durante as celebracións de Fin de Ano, para velar polo cumprimento das restricións sanitarias establecidas pola Xunta.

Na xuntanza, celebrada a última hora da mañá na Subdelegación do Goberno, participaron mandos da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local de Lugo, Protección Civil e representantes da Administración do Estado e da Xunta.

Trala reunión, a subdelegada explicou que con motivo das celebracións de Ano Vello e Ano Novo vanse intensificar na provincia os controis para vixiar o cumprimento das restricións fixadas polas autoridades sanitarias como as referidos ao cumprimento do toque de queda, horarios de apertura de establecementos, aglomeración de persoas e uso de mascarilla.

Isabel Rodríguez aproveitou para chamar a atención dos lucenses sobre a importancia de non relaxarse na atención ás medidas sanitarias durante as festas e pediulles que manteñan a mesma responsabilidade que levan demostrando desde o comezo da pandemia “para que o ano 2021 sexa o ano da vitoria sobre o coronavirus”.

Ademais, a subdelegada destacou e agradeceu “unha vez máis, todo o esforzo e traballo realizado nestes meses e, especialmente nas festas do Nadal, polas forzas e corpos de seguridade que están a reforzar os dispositivos para velar polo cumprimento das restricións establecidas na provincia”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: