Foz adxudica varias obras en vías e parroquias

Foz adxudica varias obras en vías e parroquiasO Concello de Foz procedeu á contratación de distintas obras con fondos propios, que se levarán a cabo a comezos do ano 2021.

O alcalde, Fran Cajoto, explica: “desde que adquirimos a responsabilidade de goberno vimos realizando un traballo sensato e constante, ordenado. Co Plan de Mobilidade, que se encontra en proceso de redacción, pretendemos que unha planificación integral do concello e do casco urbano mellore os desprazamentos de tódalas veciñas e veciños e fagan un Foz máis cómodo e amable, tamén para os visitantes. Non podemos recaer en erros do pasado que causaron un auténtico caos circulatorio en Foz, como as dúas rúas principais na mesma dirección”.

Con fondos propios destinados ao arranxo de viais vanse realizar distintas obras que foron contratadas neste mes de decembro e que comezarán a executarse a principios do 2021:

  • Urbanización e mellora de accesibilidade na rúa Xulia Minguillón, que serve de conexión entre as de Corporacións Municipais e de Cervantes -prolongación da Avenida de Asturias- e ten soamente beirarrúas na metade da súa lonxitude e un firme que presenta moi mal estado de conservación. Moi empregada tanto por vehículos como por peóns, vanse dispoñer beirarrúas en toda a lonxitude da rúa por ambas marxes e renovar o firme, que se encontra en mal estado, garantindo deste modo a accesibilidade a tódolos veciños da zona. Terase en conta tamén a ampliación dos distintos servizos e disporase unha nova canalización para a mellora do alumeado público, que se executará nunha segunda fase. Esta actuación contratouse por un montante total de 28.350 euros.
  • Asfaltado de camiños veciñais nas parroquias: actualmente hai distintos camiños públicos de titularidade municipal que serven de acceso a vivendas e que teñen un firme en zahorra ou terra, sen asfaltar. Isto presenta un gran inconveniente para as veciñas e veciños, especialmente en época de inverno, na que se complican moito as circulacións diarias. Os viais asfaltaranse cunha dobre rega asfáltica sobre base de macadam, previo perfilado dos mesmos e limpeza de cunetas e taxeas. Os viarios sobre os que se actuarán están situados na parroquia de Vilaronte (camiño Vilarmea, en Mañente; zona do Punto Limpo, en Escanlar; e Espiñeirido, na Espiñeira), na parroquia de Nois (zona de Trasmonte e Cabanas-Carpacide) e na parroquia de Cangas (Camiño do Muíño, en Alamparte). Estas obras de acondicionamento e asfaltado de camiños contratáronse por un total de case 22.000 euros.
  • Mellora de sinalización horizontal: en aglomerados feitos en anos anteriores en diversas rúas do casco urbano non se repintaron liñas e pasos de peóns, provocando unha situación de inseguridade a todos os viandantes xa que desapareceron as marcas viais e, polo tanto, tamén unha zona de paso segura para cruzar as rúas. Isto acontece por exemplo na rúa Concepción Arenal ou na rúa Pascual Veiga. En outras moitas rúas, como na do Pilar ou na rúa de Fondós, os pasos de peóns encóntranse moi deteriorados co paso do tempo. Noutros casos, como nas rúas de Alfoz e do Valadouro, recentemente renovadas, está pendente dispoñer a sinalización horizontal. Para todos estes casos, contratouse o pintado por un importe total de 9.900 euros.
  • Substitución da varanda do Parque Martínez Otero coa rúa Paco Maañón, que está moi deteriorada, perigosa e con ferruxe, nunha zona onde se concentran moitos cativos. Obxecto incluso de mocións plenarias en anteriores lexislaturas, procedeuse á contratación da fabricación e instalación dunha nova varanda, galvanizada en quente e lacada, que ofreza seguridade a todas as nenas e nenos que van xogar ao parque. A nova varanda suporá un desembolso de case 4.150 euros.

“Con estas adxudicacións o Concello de Foz segue coa renovación de infraestruturas viarias, pensando sempre na accesibilidade e incidindo na conservación e mellora do existente”, destaca Fran Cajoto.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: