Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Concello de Viveiro suspende a programación de Nadal e toma outras medidas

Por 30 Decembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa da suspensión desde esta mesma tarde de toda a programación cultural que estaba prevista para o Nadal, debido á situación do peche perimetral e as restriccións impostas pola Xunta de Galicia.

O concello mantén únicamente aberto o belén Viveiro ante o Berce por ser nun espazo aberto e ao aire libre no que se conta cun protocolo Covid.

A Concellaría de Cultura traballa para que o Día de Reis haxa algunha sorpresa, pero sempre con total seguridade e dentro do protocolo e das medidas establecidas, co fin de poder manter a maxia dese día para todos os nenos e nenas.

OUTRAS MEDIDAS

O Concello de Viveiro informa que vén de adoptar e aplicar as medidas nos servizos e espazos municipais, atendendo á situación actual e ás limitacións establecidas pola Xunta de Galicia.

No decreto inclúense as medidas específicas que o goberno local acaba de aplicar nas instalacións e servizos pertinentes.

Dende o goberno local informan que se continúan a realizar numerosas PCR, coa fin de detectar posibles casos activos e diminuír a transmisión do virus no municipio.

O Concello de Viveiro pide unha vez máis precaución á cidadanía para que, co esforzo de todos, a situación sanitaria mellore o antes posible.

As principais medidas son as seguintes:

  • A biblioteca municipal permanecerá aberta cun aforo máximo do 50%, podendo realizarse actividades culturais grupais ata un máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes.
  • O Teatro Pastor Díaz permanecerá aberto co límite máximo de persoas que resulte de gardar a distancia de 1,5 metros entre asistentes nas catro direccións, e co límite máximo de 250 persoas. Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento e custodiar este durante un mes despois do evento.
  • As instalacións deportivas municipais (campos de fútbol e pavillóns deportivos) permanecerán abertas para a práctica do deporte federado, podendo desenvolverse actividades con público sentado, pero coas mesmas normas que no anterior caso+
  • Peche da piscina municipal con efectos de 30 de decembro de 2020.
  • Manter a apertura dos centros socioculturais e locais sociais municipais, única e exclusivamente para a realización de actividades individuais, cun aforo máximo do 50% e cunha prohibición de grupos superiores a 4 persoas non conviventes.
  • Suspensión das actividades deportivas, culturais ou calquer outro tipo de evento ou actividade que estivese previsto levar a cabo en instalacións municipais, sen prexuízo das actividades permitidas conforme á presente Resolución.
  • Peche dos baños públicos e dos parques infantís municipais.
  • Limítase o aforo das instalacións municipais para a celebración de congresos, encontros, reunións, conferencias, e outros eventos e actos similares ao aforo máximo que resulte en cada espazo co límite máximo de persoas que resulte de gardar a distancia de 1,5 metros entre asistentes nas catro direccións, e en todo caso sen superar as 50 persoas en espazos pechados e as 100 persoas en espazos abertos.
  • En todos os espazos públicos de titularidade municipal prohíbese a permanencia de grupos superiores a 4 persoas, agás que sexan convivientes. Esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federad
  • Manter a celebración dos mercados que teñen lugar no Concello de Viveiro coas restricións vixentes na actualidade.
  • Manter o funcionamento dos servizos administrativos municipais nas condicións existentes na actualidade, recomendando en todo caso á cidadanía a solicitude de cita previa, sempre que non se trate de situacións de urxencia, co fin de evitar aglomeracións e minimizar os riscos de contaxio.
  • Acordar a adopción de todas as medidas preventivas establecidas na Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica.
  • Estas medidas entrarán en vigor a partir do 30 de decembro de 2020, incluído e manterán a súa vixencia en tanto non sexan modificadas pola Autoridade Sanitaria autonómica competente, ou non sexan revisadas por este Concello, en virtude das normas que se diten polas autoridades competentes, atendendo á evolución da situación epidemiolóxica.