Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Os orzamentos do 2021 da Deputación entrarán en vigor o día 1 de xaneiro

Por 30 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Os orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2021, que ascenden a 92,5M€, entrarán en vigor o 1 de xaneiro tras publicar hoxe o Boletín Oficial da Provincia (BOP) a súa aprobación definitiva, acordada pola Corporación provincial no Pleno ordinario de onte tras desestimar a única a alegación presentada.

Deste xeito, o Goberno cumpre co obxectivo que marcou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, ao inicio do mandato de contar dende principios de ano cun instrumento inversor fundamental para a provincia como son os presupostos da institución provincial.

A Deputación de Lugo disporá dende o 1 de xaneiro de 2021 cun orzamento de 92,5M€, un terzo dedicado a políticas sociais, para seguir traballando da man dos concellos e do tecido social e produtivo de cara a mellorar e aumentar os servizos públicos, e favorecer a reactivación da economía fronte aos efectos da pandemia.

Catro liñas de acción prioritarias

Para elo, o Goberno provincial reforza as súas liñas de acción prioritarias: as políticas sociais, o apoio aos sectores produtivos estratéxicos, a cooperación cos concellos e a mellora da mobilidade.

En canto a políticas sociais, ás que dedica 30M€, destaca a subida dos investimentos para o mantemento e a creación de emprego ata chegar aos 9M€, o que supón o dobre que os fondos destinados a este fin neste 2020.

Así mesmo, os orzamentos contemplan 8M€ para a rede de centros públicos de atención a maiores, coa previsión de abrir catro residencias, a de Castroverde, xa en marcha, e as de Pedrafita, Meira e Navia, o que supoñerá a creación de 190 novas prazas asistenciais e de 100 postos de traballo directos no rural.

Polo que respecta ao apoio aos sectores produtivos da provincia, destacan as partidas para accións enfocadas ao sector agrogandeiro, forestal e do mar, que suben un 13%, ata os 2,3M€, e os fondos para turismo, que aumentan un 10%, ata os 3M€.

O principal instrumento de cooperación cos concellos co que conta a Deputación, o Plan Único, cuxas bases aprobou onte o Pleno, sube ata os 21,5M€ e abre unha nova día de apoio ó sector servizos -hostalería, comercio e turismo-, que resultou dos máis afectados pola crise sanitaria. Así mesmo, ao aprobarse no ano anterior ao seu período de vixencia e permitir que se poidan imputar gastos de contratación de persoal dende principios de ano, os concellos poderán aproveitar mellor os fondos do Plan Único e ter máis tempo para executalos.

En canto á mobilidade, o Goberno volve a demostrar que é un obxectivo prioritario subindo os investimentos en estradas un 14%, ata chegar aos 16M€, destinados a tarefas de mellora, desbroce, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior que a da Xunta en Lugo.