Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Contratan dez axentes de emprego para concellos da Mariña

Por 31 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Consellería de Emprego e Igualdade destina 94.700 euros a facilitar a contratación de 10 axentes de emprego e desenvolvemento local que prestarán servizo noutros tantos concellos da Mariña.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que a Administración galega reedita un ano máis este programa, que contribúe a configurar unha rede especializada que potencia o papel das entidades locais como motor de dinamización económica local. Os municipios beneficiarios nesta área son Ribadeo, Cervo, Barreiros, Xove, Mondoñedo, Lourenzá, O Vicedo, A Pontenova, Ourol e Foz.

Os axentes de emprego teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, apoiando a constitución de pequenas e medianas empresas no municipio. Desempeñan diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado ou asesores puntuais de proxectos de empresa.

Entre outros cometidos, analizan a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, e colaboran co resto dos integrantes da rede na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos. Deste xeito, favorecen a existencia dun tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Os contratos asínanse por un ano e a Xunta colabora no financiamento dos custos salariais totais dos axentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos. A porcentaxe da axuda depende do número de persoas desempregadas rexistradas no municipio ou de que se unan varios concellos para prestar o servizo.