Skip to main content
ActualidadeBarreirosDeportes AMARIÑAXA

Kms Barreiros recada máis de 1.300 euros

Por 31 Decembro, 2020Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

Kms Barreiros recada máis de 1.300 eurosO Concello de Barreiros vén de facer pública a recadación obtida coas inscricións das persoas que participaron no evento virtual máis Kms Barreiros. Con un total de 292 persoas anotadas, a recadación ascendeu a 1.356 euros que, tal e como se tiña anunciado, pasarán a formar parte do orzamento municipal para atender situacións de emerxencia social no concello barreirense.

A alcaldesa, Ana Ermida, amosa o seu agradecemento “a todas as persoas que solidaria, voluntaria e anonimamente contribuíron para que as máis de medio cento de persoas que agora mesmo reciben axuda por parte dos servizos sociais municipais poidan contar con maior orzamento para atender as necesidades vitais básicas.”

A mandataria municipal explica que “a idea inicial xurdiu do convencemento de que contamos con veciñanza solidaria e disposta a aportar o seu gran de area sen agardar nada a cambio para contribuír a unha sociedade máis xusta e igualitaria” e, nese sentido, remarca “a labor de xustiza social que debe desenvolverse desde as administracións públicas, aplicando criterios obxectivos na redistribución da riqueza.”

O Concello de Barreiros triplicou no orzamento do ano 2020 a partida de emerxencia social, con respecto ao orzamento do 2019, consignando 9.000 euros para este fin, triplicándose tamén os pagos realizados nese concepto durante o 2020 con respecto ao ano anterior.

Actualmente os servizos sociais municipais atenden a preto dunha trintena de familias que agrupan a máis de medio cento de persoas, téndose producido un lixeiro incremento de solicitudes no segundo semestre do ano.

Ana Ermida quixo manifestar “o firme compromiso do goberno municipal na atención ás persoas e no acompañamento das familias que poidan precisar de asistencia social, lembrando que as administracións estamos para facilitarlle a vida á xente e garantir a cobertura das necesidades vitais básicas en condicións de igualdade e con criterios xustos e obxectivos.”

Neste sentido, reiterou o agradecemento ás case trescentas persoas que non só fixeron do máis kms Barreiros un evento deportivo de éxito, senón tamén unha mostra da verdadeira solidariedade colectiva entre persoas.