Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurelaMar AMARIÑAXAViveiro

Os portos de Celeiro e Burela pasan a ser puntos de control fronteirizo

Por 2 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Consello de Ministros acordou ampliar a lista de portos onde estarán permitidas as operacións de desembarque e transbordo de produtos da pesca, así como a prestación de servizos portuarios para buques pesqueiros de terceiros países.

Incorpóranse, desta maneira, dous portos mariñaos, os de Burela e Celeiro, xunto a Arrecife e Puerto del Rosario, en Canarias; e Pasaia, no País Vasco.

A nómina non se modificaba desde hai 10 anos, pero a saída de Reino Unido da Unión Europea fai necesario aumentar o número de localizacións onde os seus buques pesqueiros poidan recibir servizos portuarios. Os citados reúnen as condicións idóneas para ser incluídos na mesma.

A modificación leva a cabo mediante a substitución do anexo correspondente do acordo do Consello de Ministros do 4 de decembro de 2009, no que se fixaron os lugares nos que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación podería levar a cabo o control dos produtos pesqueiros procedentes de países non comunitarios, como será o caso do Reino Unido a partir do 1 de xaneiro próximo.

Aínda que ningún dos cinco novos portos designados ten na actualidade punto de control fronteirizo, permítese que os buques pesqueiros de terceiros países teñan acceso á prestación de servizos portuarios, así como á carga de peixe; estará autorizado, ademais, o desembarque e o transbordo de produtos da pesca frescos orixinarios ou procedentes de países non comunitarios.

A pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR) é unha das maiores ameazas para a explotación sostible dos recursos acuáticos vivos e socava os cimentos mesmos da Política Pesqueira Común e os esforzos internacionais por lograr un mellor goberno dos mares. Por iso, a Unión Europea, en consonancia cos seus compromisos internacionais e vistas a magnitude e a urxencia do problema, reforzou substancialmente a loita contra a pesca INDNR mediante a adopción do Regulamento (CE) Nº 1005/2008 do Consello do 29 de setembro de 2008 polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar esta actividade.

Entre as obrigacións establecidas regulamentariamente atópase a designación de portos no territorio nacional de cada Estado membro nos que se autoriza aos buques pesqueiros de terceiros países a acceder a servizos portuarios e efectuar operacións de desembarque ou transbordo.