O Plan Básico Municipal de Riotorto conclúe o trámite ambiental

O Plan Básico Municipal do Concello de Riotorto avanza na súa redacción, tras concluír o trámite ambiental correspondente. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería a resolución pola que se formula o Informe Ambiental Estratéxico deste plan e na que se conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria

Cómpre lembrar que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como órgano substantivo e promotor, enviou a documentación relativa ao PBM a mediados do mes de outubro, momento no que se iniciou a tramitación ambiental.

Tras sometelos a un período de consultas –por un prazo de dous meses- – e tendo en conta os informes recibidos e a análise da documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) considera que non provocan efectos ambientais significativos, xa que concretan ordenanzas, non proxectan novos desenvolvementos residenciais nin industriais, e tampouco recollen novas infraestruturas.

Por este motivo, a DXCASCC descartou sometelo ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e vén de emitir os informes correspondentes, finalizando con eles o trámite ambiental. En todo caso, o órgano ambiental sinala na súa resolución que se deberán ter en conta as determinacións indicadas.

As indicacións recollidas en ambos informes serán tidas en conta polo equipo redactor para preparar os documentos que se someterán a Aprobación Inicial (AI), un trámite que previsiblemente se producirá no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Ferramenta para concellos sen planeamento

O Plan Básico Municipal é unha ferramenta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral, co obxectivo de dotalos dun instrumento urbanístico básico que lles permita ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Neste sentido, os plans básicos municipais dotarán a estes concellos dunha ordenación básica, que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Cómpre lembrar que a Xunta asumiu directamente a redacción do primeiro Plan Básico Municipal, o do Concello do Páramo, que xa ten acadada a súa aprobación inicial e que se empregou como guía e orientación para a elaboración dos outros oito plans básicos municipais que avanzan na súa tramitación, actualmente.

O traballo para sacar adiante os primeiros PBM enmárcase na aposta do Goberno galego desde hai unha década por dotar a Galicia dun novo e moderno marco normativo en materia de urbanismo; cun obxectivo moi claro: ningún concello sen PXOM. Hoxe xa son 108 os concellos que contan con plan xeral adaptado e acorde á normativa vixente e, ao longo dos últimos anos, tamén cómpre subliñar fitos como a aprobación de figuras como as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral, a Estratexia da Paisaxe Galega, o Plan Básico Autonómico ou as máis recentes Normas Técnicas de Planeamento.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: