Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Os nenos de Ribadeo poderán ver aos Reis Magos no parque de San Francisco

Por 4 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Os Reis Magos estarán en Ribadeo mañá, martes, de cinco a sete da tarde no parque de San Francisco. Debido ás circunstancias actuais, derivadas da pandemia do covid, non haberá cabalgata. As nenas e os nenos poderán ver aos Reis, pero non poderán falar con eles, xa que hai que manter a distancia de seguridade. Pero por primeira vez na historia as súas Melchor, Gaspar e Baltasar van ofrecer o seu discurso de xeito virtual para todas as nenas e nenos, que o poderán seguir a través do facebook do Concello de Ribadeo, despois do seu paso polo parque.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, dixo que “todo o mundo é sabedor das circunstancias actuais ás que nos temos que enfrontar por mor da pandemia do covid e sabemos tamén que o noso concello está tendo un problema importante de casos, que aínda que focalizado principalmente nun lugar concreto, o certo é que debemos esforzarnos ao máximo para que esta situación non se descontrole”.

O rexedor manifestou: “con todo, sabemos que os máis pequenos están desexando que veñan os Reis Magos de Oriente e desde o Concello queremos que isto siga sendo así, aínda que este ano vai ser doutro xeito. De feito, temos que subliñar a grandísima cantidade de cartas que os pícaros e pícaras de Ribadeo foron botando no buzón real, que foi colocado nestes días no Mercadiño do Nadal. Tamén nos consta que os Reis Magos recibiron as cartas e que foron contestando todas aquelas que tiñan os datos dos remitentes”.

Suárez Barcia subliñou que “a noticia hoxe é que os Reis Magos acaban de chamar ao Concello e deixaron o aviso de que mañá martes, 5 de xaneiro, os Reis Magos se van deixar ver, de cinco a sete da tarde, no parque de San Francisco. Estarán alí durante dúas horas aproximadamente para que os país e nais que queiran ir acompañados dos nenos e nenas, os poidan ver para que os máis pequenos queden convencidos de que este ano tamén veñen os Reis a Ribadeo. Evidentemente non van poder falar cos nenos porque hai que manter a distancia de seguridade. Para axudarnos en todo isto, os voluntarios de Protección Civil van estar orientando ao público, que se achegue alí, como deben proceder nesa visita tan fugaz”.

O alcalde engadiu que “despois desta breve aparición dos Reis Magos, todos os nenos e nenas deberán marchar para os seus fogares e dicirlles aos seus pais e nais que prendan o ordenador, a tablet ou o móbil e que busquen o facebook do Concello de Ribadeo, porque alí, por primeira vez na historia, os Reis Magos farán o seu discurso virtual para todos os nenos e nenas de Ribadeo, tanto da vila como das parroquias. Esta solución foi a que acordamos desde o Concello de Ribadeo, a comisión da cabalgata e os propios Reis Magos, como o mellor xeito de actuar con responsabilidade para que a pandemia non vaia a máis ao tempo que garantir que os Reis Magos fagan o seu traballo con seguridade e con eficacia”.