O PP pide un plan consensuado contra o despoboamento

O PP provincial ten expresada reiteradamente a súa preocupación pola continua perda de poboación da maioría dos concellos da provincia. Por ese motivo, o Partido Popular, baixo a dirección da súa presidenta provincial, Elena Candia, promoveu unhas xornadas de debate nas que, co título O Reto Demográfico, os recoñecidos especialistas en diferentes áreas que interviñeron aportaron ideas, suxestións e experiencias para frear o despoboamento. Agora, cos datos que demostran que o problema se agrava, o portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, di que “foi unha moi mala decisión do goberno da Deputación eliminar das bases do Plan Único 2021 a loita contra o despoboamento, a loita para superar o reto demográfico; incluír fondos para este fin foi unha proposta xa feita no ano 2020 polo PP, que entón se aceptou e que retirou o goberno provincial no Plan Único para o ano que acaba de comezar”. É, di Castiñeira, moito máis lamentable porque, de novo, “os datos demográficos son moi malos na provincia de Lugo, que bate un novo récord negativo neste sentido”.

Castiñeira sinala: “Pedimos ao goberno provincial que pense nun plan para combater o despoboamento, para mellorar a demografía da nosa provincia, moi envellecida e con continua perda de poboación en moitísimos concellos. A Deputación de Lugo, se debe ter un obxectivo, debe ser precisamente o de tratar de motivar á xente para vivir no rural. Para elo é necesario investir no rural e para iso hai que ter un proxecto claro, un plan; pedimos ao goberno da Deputación que o deseñe xunto cos concellos e que se consensúe coa oposición. Todas as administracións deben traballar neste terreo, pero moi especialmente a Deputación de Lugo e ten que facelo coas empresas, cos colectivos profesionais, cos grupos políticos e cos concellos”.

O portavoz provincial dos populares sostén que ”é necesario deseñar e poñer en práctica un conxunto de medidas para frear e reverter o proceso de despoboamento do rural, que é unha das maiores enfermidades que ten a nosa provincia”. Expresa a súa preocupación polo feito de que “o goberno provincial non só non fai nada para combatela, senón que, ao contrario, retirou as axudas que propoñía o PP no Plan Único 2021 para afrontar o reto demográfico”.

Castiñeira apunta unha liña de traballo: “Temos unha oportunidade que son os fondos europeos para a recuperación, os fondos Next Generation, que fan fincapé no reto demográfico e na loita contra o despoboamento. Queremos que a Deputación traballe nese sentido e deseñe un plan encamiñado a buscar financiamento neses fondos; é posible facelo de maneira conxunta entre as entidades empresarias e profesionais, os partidos políticos, os concellos e as diferentes administracións”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: