Skip to main content
ActualidadeLourenzá

Patrimonio Laurentino critica as obras da reposición da cuberta do mosteiro

Por 7 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A asociación cultural Patrimonio Laurentino mostrou nun comunicado a súa crítica ante as obras que se están a desenvolver nas cubertas do mosteiro de San Salvador, en Lourenzá, a cargo do bispado de Mondoñedo-Ferrol. A agrupación acusa un importante “impacto visual” das actuacións deste monumento, declarado Ben de Interese Cultural en 1974.

Aseguran na asociación que “a colocación dunha chapa metálica gris nunha superficie de 1.450 metros non garda ningún parecido co tellado de lousa da igrexa ou do resto dos edificios, e está a supor a retirada cando menos dunha boa parte da estrutura de madeira existente”, o que choca cos criterios de “mínima intervención” e “preferencia polas técnicas e materiais tradicionais” que deben cumprir as actuacións nos BIC.

Patrimonio Laurentino considera que o orzamento desta actuación, de algo máis de 126.000 euros, “é escesivo para unha actuación temporal“, salientando que “as actuacións de emerxencia deben limitarse aos labores estritamente necesarios”. Así, reclama unha intervención definitiva, que poña solución “ao estado de deterioro actual do inmoble e a estas solucións tan distantes dos valores orixinarios do conxunto monumental”.

A asociación tamén ofrece colaboración á Xunta de Galicia para “preservar os valores artísticos do conxunto monumental, traballar para que se realice unha rehabilitación respectuosa e definitiva, a fin de que se leve adiante unha actuación de tipo integral e o mosteiro se destine a usos de interese social, e que non se siga no camiño de obras para parchear e instalacións cerradas”.

Para este propósito, o colectivo tamén reitera unha oferta de colaboración ao Concello.