Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAFozViveiro

Vacinación en Foz e cribado masivo en Viveiro contra a covid-19

Por 7 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Vacinación en Foz e cribado masivo en Viveiro contra a covid-19O Concello de Foz informa que hoxe, 7 de xaneiro, estase procedendo á administración da primeira dose da vacina do covid-19 a tódolos usuarios e traballadores da residencia de maiores focense.

O alcalde, Fran Cajoto, declara que “a vacinación dos maiores da residencia constitúe un gran alivio para todos: é un colectivo de gran risco, por idade e por patoloxías de cada un, e constituíu desde o inicio unha das grandes preocupacións na pandemia. Foron meses difíciles, en distintas ocasións os residentes tiveron que ser confinados nas súas habitacións, con todas as incomodidades que isto supón. Neste sentido quero agradecer o esforzo feito por todos os traballadores da residencia: non é fácil soportar unha situación de tensión durante tantos meses”.

O rexedor municipal engade que “é unha moi boa noticia e quero agradecer tamén o esforzo que están a facer os sanitarios e a xerencia do distrito sanitario”. Pero o alcalde destaca que “non saímos nin moito menos da crise sanitaria: podemos ter un rebrote forte en calquera momento. Só hai que ver os datos preocupantes de contaxiados que nos chegan doutros concellos veciños para saber que a situación agora quizais é máis difícil ca nunca, de aí a importancia da vacina. Pido a máxima das responsabilidades, que se eviten aglomeracións, que nos esquezamos de festas particulares ou de xuntanzas. Un mal comportamento duns poucos pode derivar en problemas de saúde e nunha crise económica moi forte aos nosos veciños. Teñamos sentidiño, é máis necesario ca nunca”.

CRIBADO EN VIVEIRO

O Concello de Viveiro informa que, ante o aumento dos casos positivos por covid-19 nos últimos días no municipio, o Sergas decidiu realizar un cribado masivo no municipio. O fin dos tests é detectar posibles casos en persoas asintomáticas e, deste xeito, frear a cadea de transmisión do virus, xa que moitos dos casos detectados eran persoas que non presentaban síntomas.

O cribado diríxese a traballadores e traballadoras do sector servizos (comercio, supermercados, hostalaría, farmacias, gasolineiras, perruquerías…), entendendo que se trata dos colectivos máis expostos.

As probas realizaranse este domingo 10 de xaneiro, ao longo de todo o día, no pavillón municipal. Todas aquelas persoas interesadas en realizar a proba deben anotarse chamando ao teléfono 676 877 799 ou no correo electrónico covid@viveiro.es antes das 21:00 horas do venres 8 de xaneiro de 2021. Tamén poden anotarse na casa do Concello, o venres 8 de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

No momento de anotarse debe facilitarse nome e apelidos, DNI, número de teléfono e actividade que realiza. O Sergas encargarase de chamar a cada persoa para indicarlle a hora á que deben presentarse.

Dende o Concello de Viveiro, recoméndase encarecidamente a todas aquelas persoas que traballen nos colectivos mencionados que colaboren na realización deste cribado. O goberno local recorda que a súa participación axudará a frear, á maior brevidade, o aumento de contaxios en Viveiro.

Aproveitando a realización deste cribado, tamén se realizarán probas PCR ós traballadores/as de axuda no fogar, ós empregados/as da Asociación de Alzheimer e ao departamento de Servizos Sociais, xa que este colectivo está en contacto continuo con persoas vulnerables.