Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Xa hai gañadores do concurso de decoración de Nadal de Ribadeo

Por 8 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Xa hai gañadores do concurso de decoración de Nadal de Ribadeo Xa hai gañadores do concurso de decoración de Nadal de RibadeoSiñeiro Hogar, na categoría de empresas, e Diana Nana Quintana Villamil, na de domicilios particulares, gañaron o concurso Ilumina o Nadal convocado por Acisa co obxectivo de encher de luz e cor Ribadeo durante as pasadas festas navideñas.

Diana Nana Quintana recibiu 271 votos no facebook e Siñeiro Hogar 112. Cada unha das premiadas recibirá 200 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo. Ata o 22 de xaneiro poden pasarse pola oficina da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos para recoller os seus agasallos.

En total foron 18 os participantes no Ilumina o Nadal, 8 na categoría de domicilios particulares e 10 no de empresas, e mais de 1.000 os votos emitidos nesta convocatoria que recibiu miles de visitas.

Desde Acisa o seu presidente, Francisco Iriarte, fixo unha valoración positiva da acollida que tivo este concurso: “estamos moi satisfeitos da acollida que tivo o Ilumina o Nadal. Foi moi bonito ver como estiveron adornados os escaparates dos negocios de Ribadeo e tamén as ventás e os balcóns de moitas familias en Ribadeo así coma as ventás e os xardíns en moitas parroquias deste concello. A todos queremos darlles as grazas, participasen ou non no noso concurso, por poñer esa nota de luz e de color neste Nadal diferente que nos tocou vivir”.

Apoio ao comercio local

Iriarte Quintana tamén tivo palabras de agradecemento para as veciñas e os veciños de Ribadeo: “polo seu decidido apoio aos negocios locais este Nadal. Estamos moi contentos de que os Reis Magos e Papá Noel confiasen no comercio local para facer os agasallos destes días. Daba gusto ver as rúas e as tendas con moi bo ambiente, a pesares dos días de chuvia que sufrimos estas últimas semanas”.

O xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, engadiu: “o que agardamos é seguir contando con este apoio fiel ao longo dos vindeiros meses tanto para o comercio como para a nosa  hostalería, adaptándose neste caso ás normas sanitarias e aos aforos permitidos en cada momento, adiantando ás horas das ceas e levando tamén as propostas gastronómicas para as nosas casas. Si todos nos apoiamos a travesía polos vindeiros meses do inverno será máis doada”.