Skip to main content
ActualidadeRibadeo

44 parcelas serán repoboadas con frondosas en Ribadeo

Por 9 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Rematou o 4 de decembro o prazo de solicitude de axudas para repoboar con frondosas as faixas de protección de vivendas e núcleos de poboación fronte aos incendios forestais. Foron 23 as peticións realizadas para a repoboación de 44 parcelas, que supoñen máis de 13 hectáreas de redes secundarias de faixas de xestión de biomasa marcadas polo Plan de Incendios do Concello de Ribadeo, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor contou que “logo dunha primeira campaña de sensibilización, que fixemos xa no ano 2019, na que foran entregadas árbores autóctonas por valor de 6.500 euros, agora, nesta edición, quixemos ampliar a axuda aos 8.800 euros”.

Suárez Barcia explicou que “con estas árbores que imos entregar buscamos axudar economicamente ás persoas que adaptaron as súas faixas de protección á lei de incendios de Galicia e, ao mesmo tempo, van conseguir, con estas plantacións de frondosas, reducir nun futuro as necesidades de mantemento destes espazos, ademais de servir de medida preventiva fronte aos incendios forestais”.

O alcalde ribadense dixo que “se trata dun total de 23 beneficiarios, que o solicitaron e que cumprían as bases, e 44 parcelas a repoboar que supoñen máis de 13 hectáreas de redes secundarias de faixas de xestión de biomasa que están marcadas polo Plan de Incendios do Concello de Ribadeo”.

E engadiu que “agora estase a contactar cos beneficiarios desta axuda para coñecer a tipoloxía e a cantidade de árbores que desexan recibir, sempre cumprindo cos requisitos que establece a normativa para este tipo de plantacións (lei de montes, lei de incendios, etc.) E posteriormente, unha vez elaborado o listado definitivo coas árbores a entregar, o Concello de Ribadeo as encargará a un viveiro da zona para logo fixar un día no que facer entrega das mesmas”.

Fernando Suárez subliñou que “queremos seguir avanzando agora no inverno, que non hai este problema por mor dos incendios forestais, na protección para cando veñan as temperaturas altas e seguir dando pasos en Ribadeo para ser un concello seguro, ou o máis seguro posible, no que ten que ver cos incendios forestais que poidan afectar ás casas e ás vidas humanas, que é o que se trata de protexer”.