Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O PP lamenta as repercusións que ten o Brexit para a frota pesqueira de comarca

Por 10 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O deputado no Congreso por Lugo e portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario Popular, Joaquín García Díez, sinalou que “o Brexit supón un novo golpe para A Mariña porque máis da metade da frota pesqueira que faena en Gran Sol é da nosa comarca”. Máis da metade dos 88 barcos que compoñen a frota do Gran Sol pertencen aos portos con base en Celeiro e Burela sumando máis do 50% do total dos dereitos de pesca que ten actualmente a frota pesqueira española nesas augas”. Polo tanto, “calquera redución nas cotas de pesca coma as provocadas polo acordo do Brexit supoñen un novo golpe económico e social para a comarca mariñá”.

Así o denunciou esta mañá en Burela acompañado do deputado por Lugo e vicesecretario de Participación do PP, o viveirense Jaime De Olano; o presidente da Comisión de Pesca no Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro; e o tamén deputado autonómico Daniel Vega; ademais do voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, e o voceiro do PP de Burela, Manuel Rouco. Os populares da provincia amosaron así o seu apoio a un sector estratéxico para A Mariña.

Para o portavoz de Pesca do Grupo do PP no Congreso “quedou claro que o alivio inicial do sector se debeu a que o Goberno non tiña informado ao detalle sobre a letra pequena do acordo” porque “ao ir coñecendo máis detalles decatáronse do grave prexuízo económico que supón para o sector e que rolda os 54 millóns de euros en cinco anos, unhas perdas de máis de 9 millóns de perdas para o 2021 que afectarán, maioritariamente, á frota galega”. É que “o pouco que contou o Goberno non contén todas as verdades. Cando fala de cesión do 1% oculta a realidade”, puntualiza García Díez que explica que “nese caso estase referindo a porcentaxes de reducións baseados na estabilidade relativa e non en función de zonas e especies”.

O deputado popular pon como exemplos a zona VI, ao oeste de Escocia, onde a perda de cota no quinto ano sería do 20% aproximadamente para o rape e dun 19% para o gallo e na zona VII, ao oeste de Irlanda, a perda de cota no mesmo período sería do 3,5% para a merluza.

Cotas perdidas e inseguridade

Joaquín García Díez afirmou que “as cotas que se perderon xa, perdéronse para sempre” e sinalou que “é importante acabar canto antes coa inseguridade, coñecer como van afectar as negociacións de cotas tralo período de 5 ano e medio. Agora o que  sabemos é que a UE e o Reino Unido acordaron ceder un 25% do valor da pesca sendo diferente a repercusión nas frotas en función dos stocks e das zonas de pesca”.

O popular considera “imprescindible pelexar para que os novos fondos europeos e o paquete de medidas aprobado pola UE permitan subvencionar paralizacións, incluso definitivas, debido ao grave problema de relevo xeracional que non só afecta a tripulantes, senón tamén a armadores”. Ademais, á incerteza do sector ante as consecuencias do Brexit, hai que engadir “a temporalidade dos 5 anos e medio, período moi curto para programar e amortizar as grandes inversións que requiran estas frotas”.

García Díez explicou que “o propio sector xa ten expresado a súa preocupación polo grave prexuízo ocasionado á frota española” e, nese sentido, “dende o Grupo Parlamentario Popular estamos traballando de maneira coordinada coas CC.AA. nas que goberna o PP e tamén cos eurodeputados do PP que tamén pediron a comparecencia do Comisario de Medio Ambiente, Pesca e Océanos para que dean explicacións na próxima reunión da Comisión de Pesca”. Así mesmo, “estamos en contacto permanente cos representantes das principais organizacións pesqueiras afectadas como son CEPESCA e a Federación Nacional de Cofradías de Pescadores a nivel estatal e tamén cos representantes do sector na provincia”. Tanto o portavoz de Pesca do Grupo do PP no Congreso coma outros representantes do Partido Popular da provincia de Lugo veñen de manter unha reunión telemática coa Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Porto de Celeiro e as confrarías de pescadores de Burela e Celeiro.

O Grupo do PP no Congreso ten rexistrada a petición de comparecencia do ministro Planas o pasado 16 de decembro para coñecer as medidas previstas polo Goberno en materia de pesca para adoptar ante os escenarios da negociación do Brexit. E, agora que xa se coñece o acordo ao detalle, García Díez insistiu en que “é obrigada a súa comparecencia no Congreso para coñecer os plans que o Goberno ofrecerá ao sector ante as limitacións impostas á nosa frota”.

O portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario Popular criticou que “nin o presidente Sánchez nin o ministro Planas deron ningún tipo de explicación ao sector pesqueiro español, a pesar de ser o máis importante da UE. Mentres que outros Gobernos do noso entorno, coma o francés, se volcaron durante e despois da negociación do acordo cos seus sectores pesqueiros, o Goberno español poñía máis empeño en vender o acordo como satisfactorio a pesar dos recortes que se aplicaron nas cotas pesqueiras e do escenario de incerteza que se abre, especialmente, a partir do 2026”.

Proposición no de ley do Grupo Popular no Congreso

García Díez ten anunciado recentemente a presentación dunha Proposición no de Ley por parte do Grupo Popular no Congreso instando ao Goberno a incluír na reserva de axuste do Brexit que se destina aos sectores máis afectados pola ruptura ás rexións que se verán máis afectadas por unha maior concentración de buques pesqueiros nas súas zonas de traballo como é o caso de Galicia.

Igualmente, os populares recollen na proposta ao Goberno a contar coa representación das CC.AA. no seo dos Consellos de Ministros de Pesca da UE dada a importancia futura na negociación anual de TACs e cotas entre a UE e o Reino Unido.